Eme Cartea. A este par de artistas, Guille e Gloria, ningunha das técnicas picturais lles son alleas. Neste caso, a dúas mans, indagan nas inmensidades do lenzo, inocente e receptivo, con cores harmónicas, vivas, simbólicas, excitantes, psicolóxicas, connotativas, musicais, case fantasiosas, que apuntan directas á maxia sensible da ollada. Amantes confesos e apaixonados da paisaxe galega, profunda, misteriosa, indómita e acuosa, ofrécennos unha «paisaxe da emoción» polisémica que nos conmove entre ventos e chuvia, e renace talvez en saudosos crepúsculos de euforia acendida.
Figuración indecisa
Binomio creativo para quen a pintura é o exercicio dunha linguaxe nobre e expresiva, que exterioriza ideas, pensamentos e intuicións. E neste proceso conta moito, e ben, o uso que os dous fan da cor, como asociada natural do sentimento (igual ca o son na música). A cor é previa á forma; pero, dende as cavernas ao romanticismo (valoración do autor sobre o contido), e ao impresionismo (valorización da luz sobre o obxecto), nunca foi prioritaria á hora de pintar. Pero si en Gloria e Guille, que practican unha pintura á procura da veracidade e, sobre todo, da autenticidade de quen se sabe inocente, desprotexido e cómplice diante do lenzo, mais dono dunha caligrafía persoal que fere unísona a mente e o corazón.
Atopámonos diante dun óleo de Guiglo, Aurora na ría de Arousa, de 240 x 180, pintado «al alimón» entre as 19 e 24 horas dun venres de agosto de 2012, sobre a táboa dun panel publicitario desbotado, colección particular, e no que os autores tratan de reflectir «a alegre ría de Arousa cun ceo próximo á aurora boreal». Un flash de escalas cromáticas plenas de saturación e luminosidade que nos desborda e reclama. Un cadro en espello que se mira e nos mira, contemplativo, apracible, cheo de «resonancias espirituais» kandinskianas, nas que os tons deveñen melodía e sentimento puro. A excitación afectiva dos amarelos; a tremente impresión das estrelas distantese aloumiñadoras; a excitación dos vermellos, vital e exaltada; a calidez expansiva e nobre dos púrpuras, malvas e ocres; os verdes oliva da calma e da esperanza. O ceo e o mar, soñando erotismos no leito da ría.
Guiglo pinta o que sente, pensa, recorda, imaxina. Nunca o que é. Exaltación expresiva e sosego estético: «coma un bo sofá» que dicía Matisse. Pincelada exacta que afirma, deprava e ironiza as formas, converténdoas en territorio de inxenuidade e pracer compartidos.