X. Ricardo Losada. En 1876 Valentín Lamas Carvajal escribiu que o Pico Sacro era un monte xigante que erguía a cabeza ata os ceos “ond´a alfombra de Dios estás sostendo”. Tamén consideraba que era o “eterno gardador, vixia forte d´a nosa terra”. En xuño de 2016 Ramón Vilar Landeira escribiu que os sábados e os domingos gustáballe facer o amor á sombra do Pico Sacro mentres Van Morrison cantaba Brown eyed girl na radiocasete do coche. Son dous dos textos que aparecen no libro Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda que a editorial Alvarellos acaba de publicar con gran esmero e coidado. Máis de cen variados e fermosos textos, éditos e inéditos, en prosa ou en verso, escritos durante cento cincuenta anos de miradas literarias a un monte que, como din no limiar os encargados da edición, é unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galicia, ”quer como paisaxe, quer como alegoría ou representación da nosa identidade histórica”.
Como non podía ser doutro xeito, o libro fai unha referencia explícita (sen cometer o erro de convertelo nun acontecemento central) á excursión que Castelao fixo ao Pico Sacro en xullo de 1924. E así, creo eu, debe lerse este libro. Como unha excursión literaria. Home libre, sempre quererás o Pico Sacro, que diría Baudelaire, esa foi a sensación que eu tiven ao lelo como considero que debe lerse, de forma espontánea e festiva, intentando captar a personalidade múltiple deste monte sagrado e fervello tal e como captamos a personalidade múltiple da catedral de Rouen pintada a diferentes horas do día ou en diferentes estacións e condicións climatolóxicas ou por diferentes pintores. O Pico Sacro aparece así como un castro, un culto pagán, unha lús alboradeira, unha ara do fusco lusco, paraxe de deuses e feridos heroes, o lugar onde soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa, o miradoiro desde onde observar o alborexar tras unha noite de estudo, a illa principal no arquipélago dos cumios, a horta da raíña Lupa, o fogar dos devotos de San Sebastián, o misterioso Mons Sacer de Justino, un monte que camiña, a pista de baile das bolboretas, un guerreiro da historia, o escenario dun crime ou das andanzas do demo, un cono volcánico e lanzal na planicie que leva a Compostela, o pico que miradas máis antigas chamaban Ilicinio, e moitas outras personalidades que multiplicamos cada vez que lemos ou relemos un novo texto.
Perdoaranme os numerosos autores que non os cite. Ao fin e ao cabo, nun libro coma este, cun protagonista xeolóxico e mítico, poético e prosaico, inmaculado e violado, ateo e relixioso, comprometido e ensimesmado, local e universal, o de menos debera ser a autoría humana, incluso estando presentes autores de gran relevancia na literatura galega. Só os editores literarios, Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, merecen un recoñecemento explícito, o recoñecemento dun acto bo e xeneroso. Un país que trata un monte como o Pico Sacro co amor que revela este libro é, sen dúbida, un país mellor.