Neruda, de Pablo Larraín

nerudaXerardo AgraFoxo. Pablo Larraín (Santiago de Chile, 1976), o director desta interesante película, ademais de ser fillo dun senador da extrema dereita chilena, é o autor de No (2012), nominada aos Premios Óscar,  a excepcional  El Club (2015), onde retrataba unha comunidade de cregos pederastas, e  Jackie (2016), sobre a vida de Jacqueline Kennedy, interpretada por Natalie Portman.

O argumento de Neruda ten que ver cun episodio vinculado coa vida política deste poeta: no  ano 1948 o senador Pablo Neruda acusou o goberno chileno de traizoar os comunistas. Como consecuencia desta denuncia, o presidente Gabriel González Videla, que acadara o poder cunha coalición de radicais, comunistas e demócratas, ordenou a súa captura. Entón o poeta tivo que emprender unha fuxida,  xunto coa súa muller Delia del Carril, pola ampla xeografía chilena. Mentres é perseguido por trescentos policías, o Premio Nobel comezou a escribir Canto general, a obra que o convertería no símbolo da liberdade e nunha lenda literaria.

neruda2Neruda (2016) está contada a partir do punto de vista dun absurdo policía, Óscar Peluchonneau (Gael García Bernal) que, ao tempo que admira o poeta (Luís Gnecco), non deixa de burlarse dos seus ideais (“nunca durmiron no chan, pero todos son roxos”) ademais de esperar que un día o cite para pasar á posterioridade. A película está narrada cun ritmo lento, conta cunhas medidas interpretacións e unha recreación histórica que axuda a coñecer o papel de Neruda como poeta que, dende a clandestinidade, loitou contra a represión política dun presidente que cualificou de “rata”.

Mágoa que uns anos despois aceptase o Premio Stalin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *