Cincuenta anos da morte de María Mariño

Maite Martín e Teresa García, sobriñas da autora, descubriron o seu busto en Noia no 2007
Maite Martín e Teresa García, sobriñas da autora, descubriron o seu busto en Noia no 2007

Xerardo AgraFoxo. María Mariño naceu o 8 de xuño de 1907 nunha humilde casa da rúa Cega de Noia. Era filla do zapateiro Xosé Mariño Pais, coñecido na vila como O Fiscal, e a costureira Filomena Carou Lado, veciña do arrabalde d´O Couto. Os vinte primeiros anos da súa vida transcorreron no recinto histórico noiés. Despois, por mor das dificultades económicas que atravesaba o seu fogar, marchou coa familia ata o lugar de Escarabote (Boiro), onde vivía unha tía -Consuelo Carou- que herdara o pazo das Torres de Goiáns. Foi nesta rexa mansión, dotada dunha xenerosa biblioteca, onde realizou as súas primeiras lecturas.

Logo trasladouse ata a casa da súa irmá Concha na vila biscaíña de Berango, onde a sorprendeu a ofensiva das tropas franquistas para controlar as minas de ferro vascas. Cando aínda non rematara a contenda bélica, regresou ao peirao da costa arousá, onde montou un pequeno parvulario e coñeceu o mestre Roberto Pose Carballido, con quen casou o 31 de maio de 1939.

Seguindo as súas pegadas, viviu durante a posguerra en Arzúa e Elantxobe (Biscaia). No verán de 1946 regresou embarazada a Galicia. Aproveitando que o seu irmán Emilio traballaba de mecánico nas minas de San Fins (Lousame), desprazouse ata este lugar para dar a luz, pero o neno -Roberto- soamente viviu uns días. Esta traxedia acompañaríaa coma unha sombra inevitable ata os seguintes destinos na comarca do Courel, onde tamén a sorprenderá outro drama familiar, a morte da súa nai en Romeor.

Coñece a Uxío Novoneyra

No ano 1947, mentres sufría unha forte crise nerviosa, chegou á aldea de Parada, onde coñeceu o poeta Uxío Novoneyra. Esta circunstancia provocará, ademais dunha intensa relación amorosa co autor d’Os eidos, o xurdimento dunha das voces máis sorprendentes da lírica galega. Sería no 1963 cando publique, cun fermoso limiar de Otero Pedrayo, o libro Palabra no tempo. Despois, coa morte xa espreitando as súas pegadas, escribiría os poemas que compoñerían Verba que comenza (1990), onde agroma cunha arrepiante claridade, ademais das súas crises emocionais, un profundo desacougo existencial. As dúas obras destacan pola orixinalidade no tratamento do tempo, a presenza obsesiva da morte e a inquedanza ante algo vagamente presentido.

María Mariño faleceu de leucemia o 19 de maio de 1967. Expirou despois de asinar os seus poemas máis pesimistas. Finou acougada polas persoas que lle aliviaran a doenza polas corredoiras de Parada. Ao día seguinte daquela primavera courelá, cando as flores agromaban nas chairas, foi enterrada no cemiterio de Seoane.

As imaxes que se tiraron daquela lutuosa xornada amosan a homenaxe dos veciños á muller que soubo gabar cun estilo propio a sensualidade das súas paisaxes.

No 2007 celebrouse o seu centenario, e a Real Academia dedicoulle o Día das Letras Galegas a esta conmovedora voz da poesía galega. Un busto erguido na Alameda de Noia lembra aquel día e a relación que gardou co seu berce.

Malia que morreu hai cincuenta anos, no 1967, María Mariño vivirá para sempre nos seus poemas, aqueles que teceu baixo o acougo dos castiñeiros e o asedio dunha sombra intransixente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *