Estrelado paraíso sonoro

ultreia3Xosé Manuel Lobato. Sinfonía actual. Dende Quiroga co arrecendo intenso que emana o Courel, gozamos dos sons harmónicos do certame Celtibérico de bandas de gaitas.

Alí comprobamos que son os nosos xenes os que nos elevan nunha ara de seguridade para facer música de noso, composicións potentes e profundas para engaiolar a propios e estraños, en actuacións que se poden considerar sublimes.

Estamos escoitando as mesmas melodías que escoitaron os nosos devanceiros durante varias xeracións, o de sempre, o que aínda nos gusta aos “morriñentos” emociona e consegue que soñemos. Son soños de acordes que tentan illarte dos problemas e dificultades, navegando nunha atmosfera de continuadas tempestades, coa esperanza azul-turquesa de asir unha esquiva  e abstracta felicidade.

Mentres tanto, as voces das pequenas de Loaira, sempre potentes, conseguen emocionar, xa sexa na Coruña, Vigo ou Arteixo.

ultreia1Cando Muros olla no mar, o seu embruxo logra atrapar e trasladarse sen esforzo a outra ourela atlántica, tan grande feitizo é arte de Roi Casal coa súa banda e, o maxín do vate de Gres, Neira Vilas.

Xabier Díaz con Adufeiras de Salitre, transforma unha noite de poalla en máxica,  pulmóns doutros tempos, de viva voz, sen equipo de son, masiva congregación de todos os espíritos dos nosos antepasados para tan atípico concerto.

Praza da Quintana, tamén a dos mortos encantados de escoitar a Milladoiro, Brincadeira, Ultreia, Ponte Vella, Cantigas e Agarimos, todos eles nunha demostración que a  música tradicional está máis viva ca nunca.

ultreia2Os lembrados mortos do Batallón, non daban creto, aínda lles quedaba o gran broche dourado. O espectáculo continuaba coa actuación de Rosa Cedrón, a voz agarimosa e sosegada de Rosa, foi o pórtico que nos ía trasladar a unha impresionante actuación conxunta de Treixadura, Cantigas e Agarimos e a Banda municipal de Santiago.

Unha demostración máis que a música de noso é paixón, mais sólida formación e profundas raiceiras pasado, un triunvirato que asegura recoñecemento e que as pétreas insensibles adquiran certa permeabilidade.

A música desta terra segue aquí para gozar…    Ultreia…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *