Bótame deste mar fóra, de X. Ricardo Losada

bótameMercedes Rodríguez Fraga. Permítome facer uso do título dunha obra de Nietzsche, Humano demasiado humano, para definir unha obra igualmente grande, e que a moitos lles parecerá polémica. Bótame deste mar fóra é un exemplo da complexidade do ser humano: amor, odio, morte, vida e sentimentos socialmente mal vistos e reducidos á xente «especial». Non pretendo facer unha crítica, porque para iso están os profesionais. Só me gustaría expresar o que supuxo para min. Ler a primeira novela de X. Ricardo Losada fíxome volver 18 anos atrás e revivir as súas clases de Filosofía. Recordo o primeiro día, a forma de entrar na aula. Grandes zancadas, seguro de si mesmo. Afable e pragmático, pensei. Deume boa impresión; non sei por que pensaba que un profesor de Filosofía sería moito máis dado á abstracción. Non obstante, os primeiros dous meses de clase foron un desastre. Non lle collía o xeito. Entraba, dábanos un esquema con preguntas, a primeira era: «Cal é o problema?». Exacto. Cal era o problema? Algo fallaba. Cando comecei na facultade, decateime de que aquela maneira de dar clase eu xa a vivira. Os dous anos con X. Ricardo foron unha transición cara á vida adulta. Agora sorrío ao recordar a pregunta que lle fixen o terceiro día: «Cando vai comezar a dar apuntes?». Ao que el, máis desconcertado, respondeume: «Eu non dou apuntes. Falo e podes ir collendo o que consideres». «Pero, como que non dá apuntes?», pensei, vermella de ira, xa non sabía se contra min ou contra el. Dar apuntes no instituto entendíase que estaba escrito nalgunha lei. Tardei dous meses en coller o ritmo, en comprender que era hora de madurar, de decidir e a partir de aí, foi un dos meus mellores profesores, e, sen dúbida, o que máis marcou a miña forma de razoar.

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

O outro día, na presentación desta obra en Rianxo, volvémonos ver. Facía xusto dez anos da última vez. Vino igual que o primeiro día de clase. Camisa branca e sorriso nos beizos. Saín de alí co libro na man, impaciente por comezalo e, cando comecei, impaciente por acabalo. Non tardei en chegar á conclusión de que esta obra é para adultos porque non hai un final; é necesario ser adulto para comprender cada un dos múltiples detalles escritos nela. É unha obra na que hai que deixar de lado as crenzas, a ética, a moral e coller o caleidoscopio. Na última folla, lembreime dunha frase de Marcel Proust: «Tan pronto como un é infeliz, faise moral». Que está ben e que está mal? Quen decide sobre a vida propia: as normas sociais ou nós? Tantas preguntas que quedan no aire, sen resolver, son o auténtico obxectivo da obra. Do mesmo xeito, as clases de Filosofía de X. Ricardo tiñan o mesmo fin: abrir a mente, buscarlles a orixe aos problemas, adoptar varias perspectivas. Sen dúbida, iso é ser adulto. Agardo impaciente a próxima novela, profesor. 

Un comentario en “Bótame deste mar fóra, de X. Ricardo Losada

  1. Bienvenida, Mercedes :
    Efectivamente, es una obra en la que cada cual aderezará el final a su paladar. Tú, mencionas a Nietzsche : ” Humano, demasiado humano ” y doy fe. Yo, quiero citar a Celaya para calificar el final del libro : ” A veces, unos puntos suspensivos a tiempo, resultan más profundos que un verso archipensado ” .
    Saludos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *