Galicia e os galegos na poesía castelá. LXV. Frei Luis de León

luis_de_leonRomán Arén. É Frei Luis de León (Luis Ponce de León), da Orde de Santo Agostiño e de orixe xudía, un dos grandes poetas da lingua castelá, aínda que as súas poesías orixinais sexan unhas trinta. Foi, ademais, gran tradutor, sobre todo do Cantar dos Cantares,  prosista destacado con De los nombres de Cristo (1583) e La perfecta casada (1583, fortemente antifeminista), profesor en Salamanca e autor de obras latinas. Nacera en Belmonte en 1527 e falecerá en Madrigal de las Altas Torres en 1591. As súas poesías foron editadas por Quevedo en 1631, e entre elas hai dúas odas a Pedro de Portocarrero. Este prelado foi gran Inquisidor, rexente da Audiencia de Galicia, bispo de Calahorra, Córdoba e Cuenca. Cando veu destinado a Galicia é cando aparece o noso país, moi negativamente, na poesía de frei Luis:

En un pueblo inculto y duro/ induce poderoso igual costumbre/ y, do se muestra escuro/ el cielo, enciende lumbre,/valiente a ilustrar más alta cumbre./Dichosos los que baña/ el Miño, los que el mar monstruoso cierra,/ donde la fiel montaña/ hasta el fin de la tierra,/ los que disprecia de Eume la alta sierra.

luisCrese que o poema foi escrito cara a 1571, cando chegou Portocarrero ao noso país, ou, cando menos, cando o nomearon. Foi o mestre León aprezado por varios poetas galegos e, mesmo, o seu poema “A Ascensión” foi traducido á nosa lingua por Antonio de la Iglesia, tradución reproducida varias veces; o que eu manexo publicouse en <El Regional> de Lugo o 10 de xaneiro de 1892. En 1890 Manuel Lois Vázquez, no seu poemario Brisas gallegas, editado en Lugo, incluíu unha “Parodia d’a Vida d’o Campo de Fray Luis de León” escrita en 1888. O freire agostiño foi tamén autor da oda “A Santiago”, influída por Garcilaso de la Vega e onde se alude ao Camiño e ás peregrinaxes:

De tu virtud divina/ la fama, que resuena en toda parte,/ siquiera sea vecina/ siquiera más se aparte,/ a la gente conduce a visitarte./ El áspero camino/ vence con devoción y al fin te adora/ el franco, el peregrino/ que Libia descolora,/ el que en Poniente, el que en Levante mora.

Polo demais, na moi famosa oda “A Felipe Ruiz” que comeza “¿Cuándo será que pueda/ libre desta prisión volar al cielo…” aparece o xentilicio “gallego” como sinónimo de vento do norte:

El día se ennegrece,/ sopla el gallego insane/ y sube hasta el cielo el polvo vano…

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *