Souteliño

souteliño1Xosé Manuel Lobato. Despídese un solleiro día do mes de agosto deste val, unha fermosa cunca profunda entre montañas fumegantes, doentes serras que foron devoradas polas lapas implacables deste verán. Chiscar ata esgotar os últimos folgos dunhas raiolas solares que xa expiran, mais a noite que nos abraza semella que emerxe luminosa, por detrás da Serra da Lúa comeza a divisarse o máxico encanto dun intenso plenilunio.

Aquí, o enclave amósase ideal para que todas esas deusas identificadas coa Lúa, acudan masivamente para gozar da grande plenitude lunar.

Agardamos o espectáculo. Observar, admirar e cavilar. Neste presente de ausencias pretéritas, facer memoria doe, mais acontece que achega saúde mental e mesmo instrúe.

Pechar os ollos e soñar mentres a Serra da Lúa vai abrindo paso, formación  dunha senda para amosar a grande obra lunar. Unha función na que facer lectura profunda e, mesmo comprender a devoción dos nosos devanceiros que vivían engaiolados polo encanto desta lucerna nocturna.

Observación e querenza dos antepasados pola Lúa, conseguiu un sublime maxisterio de sabedoría popular. Foi e segue sendo, unha forma de entender os cambios da natureza, tamén o ciclo vital, converténdose nun reclamo cosmolóxico imprescindible na comprensión cíclica da vida.

Ansiosos podemos contemplar como se vai abrindo a fiestra da hora máxica, o tecido de carqueixas da Serra da Lúa, deixa unha protagonista ante o seu público. Nesta ocasión amosase máis intensa, chea de luminosidade sitúase no dosel do escenario.

souteliño2Función sublime a que se promete, na retina brincadora e no maxín soñador permanece o mergullo do Sol na costa Solpor, o astro Rei mergúllase entre brétemas afastadas transformándose nunha barca ardente que desaparece no inmenso océano.

Mais hoxe a Lúa non actúa coa súa habitual soidade, no reparto aparecen unhas diminutas lucernas que lle configuran un fermoso cabelo recollido en dúas luminosas trenzas.

Na hora meiga comeza a danzar no ar a luminosa cabeleira, farois embelecados con Artemisa exercendo con mestría o rol dunha ancestral cultura tradicional de noso.

Enclave de encantamento, Souteliño un val, un círculo condicionado polo ilimitado pi que se engrandece unha vez cada ano. Porén o intre místico acontece coa confabulación da Lúa nova, o movemento cordal da serra da Lúa e sobre o diminuto souto comparecen os sons de Luar na Lubre ou da Luz do Ilicinio.

Efluvios do pasado emerxen na noite encantada do Souteliño, os seus incondicionais son milleiros que aínda resisten no universo lendario, son moradores convencidos polas tradicións de xeración en xeración, que chegan dende a noite dos soños para amosar toda a sabedoría da filosofía popular.

Esta entrada foi publicada en Música, Narrativa, Xosé Manuel Lobato. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Souteliño

  1. Magdalena di:

    En una ocasión alguien preguntó al insigne poeta: ¿ Qué es poesía ? y él, mirando a los ojos de su amada respondió con otra pregunta: “¿ Qué es poesía?” para afirmar a continuación: “Poesía eres tú”.
    Y yo cuándo te leo, José Manuel, emulando al poeta, digo que tú, haces más hermosa a la hija de Zeus y a la propia Luna con esas expresiones tan líricas. “O Souteliño” debe estar pletórico de gozo al ver que es tan bello ante unos ojos que tanto le admiran.
    Desde otro enclave encantador como el de Palmeira, (aunque la fase de la luna es de cuarto creciente, no plenilunar) un luminoso abrazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>