Do terrorismo incrustado (I)

terrorismo1Ignacio Castro Rey. Grandes urbes, aglomeracións de cristal, de aceiro e rostros maquillados. Rañaceos, pantallas xigantes, conexións multiplicadas. E o espectáculo dunhas luces perpetuas que nos cobren cun ceo de deseño. Coma se non fose suficiente a sinxela vida, estamos embarcados nunha desapiadada metafísica da elevación, da que tampouco é fácil librarse a través de ningunha das nosas respectadas minorías LGTBI. O elitista debate en torno á maternidade subrogada agocha talvez que a nosa vida e a nosa sensibilidade son xa subrogadas. Posto que hai tempo que somos capaces de existir como non sexa a través dunha perpetua conexión tecnolóxica, unha promiscuidade cos outros corpos e co estrondo da transparencia mundial.

A cultura que nos protexe faino cunha velocidade expansiva por non dicir explosiva, que garda unha pésima relación co repouso, unha quietude que semella lembrarnos demasiado ao arcaico claroscuro de vivir, por tanto, a todos os demos. Perdemos a fórmula para deternos. A nosa única solución é non parar, como aquela orquestra do Titanic que seguiu tocando moito tempo despois de que fose inevitábel a traxedia.

Asomémonos aos vídeos de Ariana Grande en YouTube, bastante inxenuos comparados con outros moitos. Tampouco Grande deixa de xogar en ningún momento coa provocación, o perfil espectacular das caras e corpos, a promiscuidade incestuosa das almas.

Foto: BBC
Foto: BBC

De certo xeito, só fai falla unha chispa, unha espoleta, para que todo o escenario salte polos aires, posto que esa escenografía desexaría vibrar nunha tensión extrema. É coma se o terrorismo xihadista posuíse só unha volta de porca, a bomba da negatividade que falta no noso cénit de positividade exultante. Os corpos solteiros téñense convertido nunha torre radiante, cunha exhibición que tenta ao estalido e á entropía, igual que o fixeron as Twin Towers. Calquera alumna, calquera alumno de 13 anos –a paridade funciona ante todo nesta velocidade unisex, no xogo fatal dunha expresión explosiva- é incitado hoxe a xogar co descaro dunha provocación acelerada que non sempre será fácil parar a tempo.

Mais non podemos evitalo. Non aturamos habitar a terra. De aí que non poidamos deixar de correr, sexa no frenesí tecnolóxico e laboral, na ficción espacial ou no turismo existencial do noso ocio. Non nos queda máis que unha liberdade de expresión explosiva, unha flexibilidade mórbida  que –ao ter perdido as vidas a súa vacuola de silencio- non ten literalmente nada que dicir. Até o sexo, en franco declive como relación física co outro, ten que apuntarse ao terrorismo de impacto, a unha liña alternativa de penetracións transversais que deben resucitar un desexo e unha erección cada día máis dubidosos. Como non vai estar en crise o desexo se este se alimenta da penumbra dos límites e estes están eliminados nun raio de iluminación que non cesa durante as 24 horas?

A inxente cantidade de persoas que desaparecen, que foxen sen deixar rastro, indican unha ética da desaparición –semellante á pantalla en neve que resume todas as pantallas- é o horizonte da nosa velocidade de fuxida. Antes mortos que sinxelos. Antes espectrais que sólidos de corpo real, cunha boa relación co tráxico da finitude.

De xeito que o modelo no que nos pechamos é o do terrorismo estrutural, espectacular. Busquemos un anuncio que se afaste deste modelo do impacto e xogue coa calma: probablemente tería un fracaso asegurado. terrorismo3O encontro anual da MTV con Miley Cyrus ou Beyoncé meneando freneticamente as cachas mentres lamben vergas imaxinarias no aire. A idiotez luminosa de Eurovisión con todas as estrelas cantando a mesma parvada en inglés. Dani Mateo cribando na televisión a unha decrépita Rita Barberá, xa tocada de morte. Ou tamén Slavo Zizek, compondo escabrosos chistes “lacanianos” para adornar un condutismo masivo que non é posto en cuestión. Case todo obedece ao mesmo formato de violencia, porque o noso modelo salvífico é o que se ten chamado o “terror de la inmanencia” (Han). Un mundo sen deus, o novo deus debe ser o estalido do mundo, repartindo esquirlas de escándalo que farán máis normal a volta ao traballo de mañá . Xa se sabe que, aínda pola porta de atrás, a relixión sempre triunfa. E hoxe só o demo dun mal exterior, que nos roce continuamente, pode endeusar unha sociedade que non cre nin debe crer en nada.

Un comentario en “Do terrorismo incrustado (I)

  1. Buenos días Ignacio:
    Te apellidas Castro, ya tenemos algo en común, mi primer apellido también es Castro. Veo que escribes muy bien, tu destreza en la composición del tema es excelente, pero,deseo que la segunda parte sea un poquito más positiva.
    Yo pienso que sí, creo que debemos creer en muchas cosas, incluso, en nosotros mismos.
    Saludos palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *