Do terrorismo incrustado (II)

terrorismo-television-Ignacio Castro Rey. O terrorismo do impacto é a única forma que temos atopado para acadar un bo simulacro de continuidade nunha cultura que debe fragmentar a vida mortal, fuxindo da súa duración coma da peste. O encadeamento de estoupidos informativos logra unha especie de continuum que cobre o día con atención cativa. O terrorismo dos medios, xerando alarma social, crea tamén o público masivo dun medio supra condutor do medo, pois esa humanidade –con cada illamento pegado ao do próximo- apenas ten relación coa comunidade dun chan. Só quedan á flor de pel as emocións espasmódicas, flotantes. En caso de estoupido, de bomba real, o pánico estendese coma un virus nas redes.

O terrorismo do espectáculo exprópianos o presente, díxose no seu tempo, pero iso é exactamente o que se busca: que o silencio arcaico das vidas non pese. Pola vía do illamento real e a conexión virtual, buscamos o novo deus dunha transparencia celeste.

En certo modo, cada bomba que estoupa faino sobre unha explosión anterior, unha infraestrutura cultural que xa é viral. É normal entón que esa “segunda bomba” real desborde a masa crítica do social e xere unha histeria xeneralizada. Pero antes do atentado, o espectáculo de quenda –sexa Ariana Grande ou Eagles of Death Metal- preparou o terreo, pondo ao público ao bordo do estalido. Despois só fai falla unha chispa, as veces unha broma ou unha alarma falsa, para que a traxedia se desencadee.

eagles-of-death-metal-640x426Fixémonos en dous detalles. Na sala Bataclán, a noite do 13 de novembro, o estrondo era tal que durante uns segundos o público e os propios músicos de Eagles of Death Metal –significativo nome- creron que os estoupidos eran parte do espectáculo. Coa mesma lóxica, Baudrillard lembra que a mañá do 11 de setembro as dúas Torres Xemelgas, impresionantes na súa elevación, pareceron case derrubarse ao sinal dos dous avións. Antes, durante minutos e minutos, os xornalistas neoiorquinos non podían dar creto ao que vían os seus ollos, pensando que todo era produto dun accidente provocado pola xeometría impoñente das Torres. A touro pasado, lembren, houbo que censurar novelas e portadas de discos que anunciaban unha catástrofe semellante, coma se xa a soberbia elevación da nosa cultura chamase ao desastre. En realidade, o noso enteiro sistema soña coa catástrofe, necesita a hecatombe como único modo de xustificar a separación dunha vella vida mortal coa que xa non podemos.

Así pois, o fundamentalismo do burka e as barbas longas teñen o seu simétrico reverso –aínda que este é anterior- no noso fundamentalismo dos corpos radiantes, espidos e brillantes de crema, de cirurxía estética e moreno niquelado. Igual que nas novas series televisivas, o primeiro terrorismo está de lado da orde civil e estatal, con eses riseiros policías que manexan sofisticadas tecnoloxías e nunca serían capaces de sentir odio por nada, nin derramar sangue con paixón.

daesEntendámonos. Ninguén suxire que o Daesh non sexa un problema político e militar perentorio. Non se está dicindo que o terrorismo xihadista, que capta tamén a mocidade de orixe inmigrante, sexa a sucursal dalgún outro poder agochado. Calquera teoría da conspiración é inxenua, porque o eixo do noso poder –e da nosa impotencia- é o baleiro, a vontade nihilista que unha e outra vez debe encherse de estrondo. O baleiro é o único que para nós pode ser universal. E o fundamentalismo islámico ten aprendido a utilizar  ben ese modelo, aproveitando a nosa velocidade explosiva e as concentracións masivas  para lograr un estalido que faga cachizas a nosa feble comunidade. Pero o terrorismo é inxenuo neste punto, pois encarna un mal que por fin é exterior e ten culpables, reforzando de xeito insólito a nosa inestable cohesión nihilista, que non pode crer en nada. Será por esta razón que cada atentado non acada máis que reforzar o sistema, a seguridade militar dun espectáculo civil que non pode parar?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *