Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva

aquelesXerardo AgraFoxo. O teatro de operacións desta ambiciosa novela é o centro penitenciario d´A Lama, unha prisión onde se dan cita cinco mulleres: Valentina, unha colombiana que intenta mellorar as  súas condicións de vida, pero que é detida cun fillo ás costas por exercer de “mula”; Margot, “a mellor puta do Berbés/Barbés,” abandonada polos seus e mergullada no mundo das drogas; Sor Mercedes, que, despois dunha infancia traumática en Monforte, cumpre unha dura condena por roubar bebés –52– para xente acomodada e esterilizar mozas pobres –37–  sen o seu consentimento; Laura, unha moza que se “criou coas vacas”, soña con converterse nunha bailarina de sona, pero que, despois da “tortura da danza” e  un desengano amoroso, acaba como funcionaria de prisións no devandito centro, onde vive coma unha presa máis; e Inma, unha escritora, “diagnosticada cun trastorno bipolar”, detida por unha tentativa de homicidio, aínda que ela considera foi “un intento de asasinato en toda a regra”.

A obra comeza con esta  Inma, talvez un calco da propia escritora, contándolle “ao meu amor, cando estaba no cárcere” e “que tanto me convidas a escribir”, a historia destes personaxes femininos que por culpa dunha existencia comprometida e os complicados mecanismos da xustiza se ven sometidos a situacións enervantes, onde a angustia, a loucura ou o medo están sempre presentes. aqueles2Unhas historias narradas a través dun hábil xogo de autoficción que converte a obra nun salientable feixe de secuencias biográficas tecidas –“é evidente que xa non sei escribir”– cun marcado ton metaliterario.

Despois do éxito obtido pola anterior novela, Memoria de cidades sen luz (2008) –Premio Blanco Amor, Premio Arcebispo San Clemente e Premio da AELG–, Aqueles días en que eramos malas (2017)­ certifica a categoría de Inma López Silva (1978) como unha escritora que, malia a súa idade, xa publicou algunhas das obras máis salientables da nosa narrativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *