Ollando no Alén

guadalupeXosé Manuel Lobato. Monstros de auga e vento… Fiel e puntual chega a grande cita de Rianxo, a celebración das súas festas para venerar a virxe da Guadalupe, a icona moreniña destas terras rianxeiras.

Os que non somos nativos, aínda que admiramos con intensidade esta vila mariñeira e as súas xentes, non entendemos un Rianxo que non mire o mar, ese mar cantado por Manuel Antonio que por veces agarima e outras moitas fere con crueza. Tampouco visualizamos nin imaxinamos esta vila sen as festas da Guadalupe.

Monstros de auga e vento,

laiar do mar na borraxeira,

chorar dos faros no pestanexar.

Porén, a felicidade dunha celebración de arraigo profundo na poboación, tamén trae á memoria a pegada dos intres de tristura que sempre nos acontecen ao longo dese convulso xiro arredor do fogón solar.

Monstros de auga e vento,

bruar de cons na escuridade,

loitar das ondas nos farallóns.

Incontables son os que fuxiron no último ano da inspiración terreal, con eles van as vivencias comúns e tamén o seu gozar da festa. Vivir a festa e ser parte dela é algo do que xa non volveran a participar.

Monstros de auga e vento,

nadar na bravía marusía,

sobre magoados hipocampos.

Imperturbable e dogmático o ciclo vital non deixa rachar a cadea, outros se incorporaran a celebración deste 2017, eles son os elos fortes da cadea que aseguran o futuro, así como os que recollen a testemuña daqueles participantes por derradeira vez no 2016.

Monstros de auga e vento,

noitebra de berros aterrados,

corpos nas rochas magoados.

Amar a festa, malia a dor e a tristura, profunda no amor por aqueles que che deixaron, venerar o que eles veneraron, gozar do que gozaron e conservar o que con tanto sacrificio nos deixaron.

Monstros de auga e vento,

rachan vidas decididas,

xentes de coraxe,

que na terra e no mar

deixaron a súa equipaxe.

festaEse é o tributo da sega derradeira, algunhas veces inxusta, ou case sempre incomprendida. Mais os acordes da festa non deben esmorecer, nesa sinfonía de esmorga temos unha sólida razón para seguir loitando con eses monstros de terra, auga e vento. Estes monstros non descansan, non entenden de festas e sempre están ao axexo.

Malia tantos xiros e reveses inesperados, a festa é o antídoto de todas as adversidades. Por iso, vivir a festa é achegar unha lucerna de vida a todos os que nos deixaron. Vai por todas e todos eles, a festa coa vida segue…

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *