Moscas

moscasAntón Riveiro Coello. Non vou aplaudir os actos contra o turismo que se están a levar a cabo en diversas cidades; son feitos máis que rexeitables nunha sociedade democrática coma a nosa. Pero si quero defender o dereito a protestarmos contra algúns tipos de turismo porque non é ouro todo o que reloce. Adoitamos xustificar todo coa riqueza económica. Por iso, queixarse de que na túa vila o turismo está a estragar o mellor do entroido pode parecer a arroutada dun aburrido ou de alguén que non ten negocio ou carece de orgullo local. Pensar que a auga, sobre todo no sur e nos territorios que bañan o Mediterráneo, non abonda para acoller tantos visitantes, que seica consomen o triple ca un oriúndo, é como dicir a estas alturas que o cambio climático é o invento dun ecoloxista iluminado. Realmente queremos un turismo borracho coma o de Magaluf? É aconsellable un turismo coma o de Ibiza que multiplica os prezos da vivenda até facela inaccesible mesmo para un médico? Queremos construír cidades sen veciños, baleiras? Cidades museo, cidades teatro non para nós senón para os outros? tursimoQueremos que os nosos lugares nos sobrevivan? Un coñecido di, a xeito de broma, que o desembarco de Normandía hoxe sería imposible en Benidorm porque o avance non superaría a terceira fila de parasoles. Talvez sexa unha esaxeración. Pero cómpre que reflexionemos sobre a cantidade e tamén sobre a calidade. Non sexa que nos pase un pouco coma aos veciños da Costa da Morte cando, alá polo ano 1927, recibiron do mar o xeneroso agasallo dun naufraxio: botes de leite condensado que, na súa ignorancia, a xente usou para pintar as fachadas dunhas casas que si, quedaron ben luminosas, pero que axiña recibiron un exército lambón de moscas.

 

Esta entrada foi publicada en Antón Riveiro, Ensaio, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Moscas

  1. paideleo di:

    Esta fin de semana goceina polo Caurel adiante sen turistas e apenas sen lugareños.
    Nada que ver coa costa atlántica de hai uns días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>