Breves como fotos, outro convite de Berger (I)

nordicaFidel Vidal. Dividida en dúas partes que tratan do tempo e do espazo (1/Unha vez, 2/ Aquí), a obra E os nosos rostros, a miña vida, breves como fotos, de John Berger (Blume, 1986), supón, segundo algúns autores, a culminación deste orixinal e comprometido escritor. Entre esperanzadas e profundas reflexións ás que nos convida Berger, onde o mesmo nos ofrece uns poemas seus que analiza a obra de Van Gogh ou de Caravaggio (“Unha noite na cama preguntáchesme polo meu pintor favorito. Dubidei, intentando dar coa resposta menos deliberada, máis sincera. Caravaggio. A miña propia resposta sorprendeume” (páx. 82), ou pregúntase polo amor: “Que é o que me leva a amar?”, “canto tempo significa para sempre?”

O futuro vai estar dominado polos espectros. Confirmado: ás evidencias nos remitimos. E Berger cita a Marx: “Un espectro cérnese sobre Europa, o espectro do comunismo. Contra este espectro conxuráronse en santa manada todas as potencias da vella Europa: o Papa e o Zar, Metteenrich e Guizot, os radicais franceses e a policía alemá”. Os ricos, igual ca hoxe, temían a revolución (páx. 11). Son os espectros con ecos hamletianos recollidos máis adiante por Derrida, eses que nos sacan do lugar, que nos “desgonzan” e lévannos da man, e que seguen e seguirán estando connosco.

A palabra poética, coma o obxecto artístico, a música, van da man da tautoloxía, xa que logo, así o verbo, a cousa ou a melodía, fan referencia a si mesmos. Son, de primeiro e antes de nada, unha presenza: “En toda poesía as palabras son unha presenza antes de seren medios de comunicación” (páx. 22). “Utiliza as mesmas palabras e, máis ou menos, a mesma sintaxe que, por exemplo, o informe anual dunha empresa multinacional”. Foi Pessoa quen dixo que escribir un poema é ir colocando unha palabra detrás doutra, mais “dunha certa maneira”. “O poeta”, segue Berger, “sitúa a linguaxe fóra do tempo, ou, máis exactamente, o poeta aproxímase á linguaxe como se fose un lugar, un punto de encontro, onde o tempo non ten finalidade, onde o propio tempo fica absorbido e dominado.” (páxs. 22-23, Unha vez un poema)

John-Berger-trentena-novelles-poemaris_1717638284_36341728_1001x1500Os grandes espazos, os extraordinarios fenómenos atmosféricos, unha vez observados aínda de pasada, van formar parte como íntima vivencia do propio ser, e serán para sempre, como acontece coas emocións percibidas, o ser dun, ao se constituíren como anhelo. “O desexo de ter visto -o océano, o deserto, a aurora boreal- ten un profundo fundamento ontolóxico.” (páx. 52, De aquí)

“Tanto a vida coma o visible deben a súa existencia á luz. Antes de que houbera vida, nada podía ser visto, agás por Deus”. Para Berger a primeira facultade e máis importante atribuída aos deuses era a da vista: “un ollo, frecuentemente un ollo que o vía todo. Daquela xa se podía dicir: o visible existe porque xa foi visto.” (páx. 53)

a dor/ non pode/ /durar o suficiente// as sendas desaparecen/ baixo a neve/ o branco abrazo/ da partida // nos trens intentei escribir a verdade (páx. 61, “A partida. 8 poemas de emigración”)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *