Foise co vento

incendio-forestalAntón Riveiro Coello. E si, o vento foi culpable, tanto coma eses terroristas do lume que un xa non sabe se o seu lugar no mundo debería estar no cárcere ou nun psiquiátrico. E tamén poderiamos culpar a chuvia, un remedio infalible para apagar os incendios, pola súa ausencia. Pero unha vez máis, e por desgraza, a culpa ten raíces máis fondas que as das propias árbores. Afondar neses problemas ten que ser o único camiño para atoparmos os moitos culpables e, sobre todo, unha solución a longo prazo. Por que é tan baixo o grado de conciencia ecolóxica da nosa sociedade? Cales serían as mellores políticas para evitar o abandono sistémico do rural? Como cambiar a mentalidade de que a nosa riqueza forestal debe ser unha fonte de vida, non a vítima dunha explotación salvaxe e voraz? Por que privatizamos a extinción e pagamos por apagar, cando a mellor estratexia sería pagar por evitar? Por que teimamos en queimar o noso futuro? O acontecido neste mes de outubro, unha vez máis figurará en negro en todos os diarios. E pouco valerán as audacias retóricas, as frases vellas, as palabras fraudulentas que intentan negar a certeza desta paisaxe ferida que me trae á memoria unha imaxe náufraga, debuxada polos versos modificados de Manuel Antonio: “O cadavre das árbores fixo da paisaxe un cadaleito”. Encollidos de tristura e vergoña, hoxe só podemos falar das fazañas secretas, deses acios espontáneos de homes e mulleres que ergueron as mans para que o relato da traxedia non fose peor. E non nos debemos conformar con chorar as vítimas, nin con laiarnos pola mala sorte do vento e a ausencia de chuvias. Cómpre esixir medidas contundentes e disuasorias para que Galicia non arda e se evite que ninguén poida tirar beneficio da traxedia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *