Hann Pecheur

1Xerardo AgraFoxo. Ao saír da casa descubrín como era o lugar onde durmira. Hann Pecheur é un dos arrabaldes máis populosos de Dakar. Está atravesado pola estrada que comunicaba a capital coas cidades que se ergueron na liña da beiramar próxima ao seu peirao. Por tal motivo, unha caravana de camións cumpridos de mercadorías, autobuses inzados de veciños e numerosos taxistas dificultaban acotío a circulación. Pola súa estrutura semellaba un barrio que medrara sen ningunha ordenación urbanística. Apenas había árbores para protexerse da calor, nin cafés onde aliviar a gorxa. Pero nada resultaba opresivo, agás o tráfico que circulaba polo carreiro de asfalto que, coma unha espiña de peixe afiada, fendía o suburbio en dúas partes e o comunicaba con outros de idéntica factura.

As vivendas de Hann eran construcións cativas e pobres que se ergueran coas fiestras mirando cara a un patio interior oculto por un valo de adobe. A través dos seus portelos contemplábase unha vida sufocante, onde as mulleres traballaban arreo, lavando a roupa en vellas almofías ou facendo o xantar en tarteiras sobre escouras. As rúas estaban ateigadas de area luxada, refugallos e centos de cativos corricando. O centro da vida cotiá eran unhas calellas convertidas en mercados ocasionais, puntos de encontro dos mozotes sen expectativas e vellos apostados cos seus caxatos vendo como decorría a vida sen présas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *