Nikolo Koba

5Xerardo AgraFoxo. A ruta atravesaba poboados con vivendas moi vulnerables. Semellaban adormecidas, sen persoas nas portas, nin canastros coas mercadorías. Só cobraban vida aquelas aldeas situadas nas encrucilladas. Destes lugares saían cara ao leste carreiros que se perdían nas faldras do Fouta Djallón, onde nacían os regatos que morrían na conca do Gambia. A circulación parecía máis levadía, polas mañas do condutor e o estado do Peugeot, ata que a picadura dunha roda nos obrigou a deter a marcha. O tempo que aproveitou Mariama, empurrada polos meus aloumiños, para engulir nun instante a banana que eu tirara da mochila. Acazapados nunha gabia, ás beiras do carreiro martelado polo sol, parecíamos uns foraxidos sen rumbo coñecido.

Fatoumata, a nai da pequecha, convidoume debaixo dun baobab. Levaba na faldriqueira un botelo cunha beberaxe que non fun quen de rexeitar. Entón, mentres lle facía unhas garatuxas á meniña, fixen unha brinde:

–Polo Gran Magal!

Miráronme sorprendidas.

–Non somos musulmás, nin cristiás –dixo Fatoumata–. Imos a Tamba, ao casorio dunha sobriña. Levamos connosco parte do enxoval da noiva. Os nosos homes non asistirán á cerimonia porque foron cos poldros a unha feira gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *