Manuel Romero Castro. Pintor

romero
«Journey to the Stars, VIII». 2002

Eme Cartea. Noiés de nacemento e de corazón dende 1943, a vida deste extraordinario pintor, abraiante de trazos e de sabor dickensianos, sería digna de ser novelada. A súa orfandade demasiado temperá empúrrao a sobrevivir entre hostilidades agrestes e rebeldías adoles-centes ata que, con 21 anos, emigra a Londres. Camareiro, pai de dous fillos, manager logo, e dono do seu restaurante despois: o triunfo da perseveranza. Pero a hostalería non lle abondaba: nacera pintor.

Con 40 anos inicia estudos nocturnos de arte. Mais a paixón era irrefreable e houbo que decidir: traballo e seguridade ou pintura e vertixe. A solución xa a sabemos: entre 1983 e 1989, Bacharelato, licenciatura e doutoramento (no Royal College of Arts, emblemática institución británica), e con matrícula de honor en todo. E como corolario, funda a primeira galería española de arte en Londres (The Blason Gallery), é profesor universitario, comisario de arte, director artístico da Bruton Street Gallery, medalla de ouro das embaixadas hispano-parlantes en Londres, entre outros moitos honores.

Como artista defínese pola itinerancia estilística en ciclos duns cinco anos. O seu non é quedarse durmido en lauréolas nin na auto-compracencia, propio de artistas tocados de aura e xenialidade. Manuel Romero fai pintura de hoxe, moderna, orixinal, autosuficiente e de grandes espazos sonoros onde a contemplación e o soño se fan demora vital e porfiada.

Quedámonos preferentemente coa súa tendencia á abstracción e, dentro desta, coa lírica, inda que tamén ofreza exemplos xeometrizantes -nos que harmoniza formas simples e composicións subxectivas en espazos de irrealidade-. Chega ao lirismo a por de esencializar nas formas pictóricas, dende a superficie ás capas ocultas da realidade, onde a maxia e a poesía se funden en visións gasosas de tule e medusa, suturadas de líquidos soft edges. Libre automatismo surrealista transfigurado en pura liturxia xestual: «The artist is the hand that plays… to cause vibrations in the soul» (Kandinsky).

A súa abstracción arrinca das atmosferas nebulosas de William Turner e bebe nas experiencias faubistas e expresionistas que exaltan a forza da cor, ese poder que nos toca sedoso na alma. A arte en Manuel Romero é aspiración sentimental e emoción espontánea. Non hai mimese nin representatividade da realidade, e tampouco iconismo e simbolismo: só creación e exaltación da cor e da luz, que son forma e tema en si no espazo irreal e fluído do lenzo. Orfeo en acción, improvisando novas partituras de son e lirismo unísonos.

Manuel Romero prima os valores plásticos e intelectuais da pintura. Pero a orixe da súa vocación reside na urxencia inadiable interior que, como artista serodio, sempre sentiu; valor seminal á hora de armar un discurso e mais un estilo de seu: os da luz como cor e lirismo preñados de maxia e sensualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *