Un Coup de dés, de Mallarmé. Apuntamentos (II)

7173779.image_Fidel Vidal. En outubro de 1864, Mallarmé escribe a Cazalis: “Finalmente comecei o meu Herodías. Con terror, porque invento unha linguaxe que debe necesariamente xurdir dunha poética moi nova, á que só podería definir así: pintar, non a cousa, senón o efecto que produce. O verso non debe, pois, comporse de palabras senón de intencións, e todas as palabras deben desaparecer ante a sensación. Quero, por primeira vez na miña vida, lograr algo. De non conseguilo, endexamais tocarei unha pluma”.

II. O verso libre.

Pouco antes da súa morte, aparece a obra que é a materia da súa visión cosmogónica e independente: Un golpe de dados xamais abolirá o azar, publicado, por primeira vez, na revista londinense Cosmópolis, en 1897. Un poema ante o que Sartre quedou abraiado e cualificou de rigorosamente existencialista. Fronte ao materialismo imperante a fins do século XIX e produto da asunción da morte de Deus, Sartre entende a figura Mallarmé como a máis absoluta conceptualización da nada, da negación do ser, concibida como motor de construción do propiamente humano (S. H. Barbosa, A “questión Mallarmé”, Cédille, 2015).

O poema imprímese, neste momento, tal coma o concibín. En canto á paxinación é onde está todo o efecto. Tal palabra, en trazos grosos, para ela soa, pide toda unha páxina en branco e creo estar seguro do efecto. A constelación afectará segundo as leis exactas, e tanto como é permitido a un texto impreso, fatalmente un álbum de constelación. O navío escora, do alto dunha páxina até o baixo da outra, etc.; xa que logo, e aí reside todo o punto de vista (que tiven que omitir nun xornal), o ritmo dunha frase a propósito dun acto ou incluso dun obxecto non ten sentido máis que se os imita, figurado no papel, recollido da estampa orixinal pola letra, sabe reproducir, pese a todo, algo” (Mallarmé, Fragmentos sobre o Libro, 2002, p. 91).

images“Creo que son o primeiro home que viu esta obra extraordinaria”, di Paul Valéry. “Apenas a rematou, Mallarmé rogoume ir á súa casa; meteume no seu cuarto da rúa de Roma, onde detrás dunha antiga tapicería repousaron até a súa morte, sinal dado por el da súa destrución, os paquetes dos seus apuntamentos. Sobre a mesa de madeira moi escura, cadrada, de patas tortas, estendeu o manuscrito do seu poema, e púxose a lelo en voz baixa, monótono, sen o menor ‘efecto´, case para si mesmo”. Un Coup de dés lido como se estivese preparando unha maior sorpresa, “Mallarmé, á fin, fíxome considerar o dispositivo. Pareceume ver a figura dun pensamento, por primeira vez situado no noso espazo… Aquí verdadeiramente, a extensión falaba, xeraba formas temporais…” A linguaxe fala por ela, mais a través dunha forma especial non articulada, da que furta, segundo Lyotard, “a súa función prosaica, de comunicación; revela nel un poder que o excede: o poder de figurar e non só de significar” (Jean-François Lyotard, Discurso, Figura, 1979, p.76).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *