Un Coup de dés, de Mallarmé. Apuntamentos (III)

mi_beatriz_will_steacy_0Fidel Vidal. Que un golpe de dados xamais anule a continxencia do ser e que, con todo, se deba intentalo, é simplemente a proba dunha crenza vivida, do triunfo dun absoluto paradoxal: a fatalidade é un xogo supremo. En cada home, dixo Mallarmé, hai un segredo que moitos morren sen coñecer. “El coñeceu o seu: unha Vocación, e identificouno coa expresión dos matices e do preciso que parece escuro: a poesía, única fonte. (F. Gorbea, Limiar, Stéphane Mallarmé, Poesía, 1982). Por riba desta consideración estou por asegurar que Mallarmé morreu sen coñecer o seu verdadeiro segredo. Por que usou pseudónimos femininos e mudou de nome?

III. Un acto de demencia.

O 30 de marzo de 1897, dándome as probas corrixidas do texto que debía publicar Cosmópolis, díxome cun admirable sorriso, ornamento do máis puro orgullo inspirado a un home polo seu sentimento do universo: “¿Non atopa vostede que é un acto de demencia?” (P. Valéry, Variété II). A demencia afásica, con lagoas da fala, que nos traslada ao comezo da fala. “A Destrución foi a miña Beatriz”. Se na demencia a estrutura da linguaxe se perde debido a secas localizadas, no desenvolvemento do neno, a fala non se aprende mediante mimese senón que se adquire. Adquírese a estrutura da linguaxe. De aí que os nenos, ademais de regularizaren os verbos irregulares, cando din, por exemplo: “mamá, auga”, en realidade están a dicir: “mamá, teño sede, quero auga”, ou, ollando o mar: “mamá, mira canta auga”. Entre unha e outra palabra non hai un oco absurdo senón unha intención e mesmo unha elección no dicir.

014PF1543_8DSKW_1O golpe, ou a copa (un coup), derivado de farmakon (nun principio vítima humana en sacrificio como remedio ante os deuses) deses golpes e máis golpes que fan sentir a Platón presa da vertixe: “…pharmakon quere dicir golpe… ‘de maneira que pharmakon significaría: aquilo que ten que ver cun golpe demoníaco ou que é empregado como remedio curador contra dito golpe’… un golpe de forza… un golpe de graza… un golpe de man… pero tamén un golpe van… un golpe na auga (…) e un golpe de sorte … o golpe de efecto… o golpe de escritura… o golpe de dados… o golpe dobre” (J. Derrida, A diseminación, 1997, p. 259). E mesmo un golpe de desgraza.

A poesía para Mallarmé, pretende ser precisamente o único lugar no que o absoluto, o baleiro e a linguaxe poden encontrarse. Fontes para un poema aberto ao infinito, onde a linguaxe se identifica co absoluto, “de ser ela o absoluto, négase a si mesma cada vez que se realiza nun poema (ningún acto, inclusive un acto puro e hipotético: sen autor, tempo nin lugar, abolirá o azar) -agás se o poema é simultaneamente crítica desa tentativa” (Octavio Paz, O arco e a lira, 1972).

Mallarmé non procede mediante conceptos senón infundindo o enigma nos obxectos. Desde el sabemos que poeta é aquel, non o que describe o que ve, senón que ve no mundo o enigmático que os demais non ven por “estaren” no mundo. Por iso crea lírica, é dicir, canto do misterioso, aquel que camiña polo canto dunha navalla. Semellante lírica xa no ten nada que ver coa poesía do sentimento, da experiencia ou a do fenómeno. “Estrañamente, pero cunha música que se impón, esta lírica é o xogo das tensións abstractas da linguaxe, onde alcanza unha satisfacción de dominio parecida á que se encontra nos encadeamentos de fórmulas matemáticas. O encadeamento, xa non é desde a palabra ao significado que pretende designar, senón do xogo das palabras entre si mesmas” (G. Szereszewski, O Inconsciente e a estética ou a química das sílabas, 2001).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *