Their Satanic Majesties, a obra por excelencia de Brian Jones

R-4884727-1378440946-8705.jpegGonzalo Trasbach. Viviron un ano moi produtivo os Rolling Stones en 1967. Abrírono co fabuloso e infravalorado “Between the Bottons” e culminárono con “Their Satanic Majesties Request”, álbum que viu a luz un 8 de decembro de fai agora 50 anos. Con motivo da celebración deste aniversario acaba de pórse á venda unha nova edición consistente nun vinilo de 180 gramos en estéreo e outro en mono, amén de dous súper coidados CDs (un en estéreo e outro en mono).

Os comentarios da crítica sobre esta produción estoniana, a última na que Brian Jones tivo o mando e a dirección da obra, estiveron marcados pola forza dos vellos tópicos: o disco foi un fracaso porque os londinienses afastáronse do raxo do blues para tirarse nos brazos dos efluvios hippies e psicodélicos. En consecuencia, o disco non ten máis valor que ser unha tentativa de resposta ao “Sgt. Pepper´s” dos Beatles. E para cerrar o círculo de manidas paridas só destacan dúas cancións, as que máis éxito comercial tiveron no seu tempo: She´s a Raibow e 2000 Light Years From Home. Parece necesario subliñar que baixo estes comentarios latexa o antigo e falso dilema, só alimentado polos tabloides, que recibían con gusto as indicacións do seu mánager, Andrew L. Oldham, e do cal os dous grupos sacaron os seus respectivos réditos: Rolling vs Beatles. Como detalle, lembrar que Lennon e McCartney regaláronlles unha potente canción nos seus comezos: I Wanna Be Your Man. Os dous de Liverpool tamén estaban nos coros de We Love You, aquela magnífica melodía con sons e ruídos de portas das cadeas.

descarga (1)Pero ademais pon sobre a mesa que este país, coma outras cousas máis, descubriu tarde as súas satánicas maxestades. Fíxoo cando estas xa eran as raíñas do circo do rock e do blues e cando ao mesmo tempo unha boa parte dos seus fans xa estaba rendida a esa especie de aureola de “malotes” (canallas, folladores e consumidores de drogas) que os envolvía, sobre todo ao tándem Jagger-Richards. E porén, o disco é unha xoia. Ten un temperamento alegre e fantástico. Un nervio que nos guía a través da néboa cara a un bosque resoante, ateigado de sons orquestrais, un bosque que é en si mesmo máxico e psicodélico.

Arranca o álbum con Sing This All Together, unha canción onde se escoitan ecos do mundo sonoro marroquí, influencia introducida por Brian Jones. Nos coros deste tema aparecen John Lennon e Paul McCartney. Continúa con Citadel, onde se nota un pouco máis de rock tipicamente stoniano, aínda que a voz de Jagger, que talvez nunca resultou tan brillante e espontánea coma neste traballo, está como en modo psicodelia. A guitarra de Richards, xunto co mellotron de Brian, crean as texturas ácidas sobre as que se sostén unha letra inspirada en Metrópolis, o afamado filme de Fritz Lange.

satanic_majestiesIn Another Land é unha viaxe alucinada con todas as da lei. Acreditada ao baixista Bill Wyman, quen escribiu a letra e pon unha voz con toques robóticos. Xusto ás portas do tema que máis éxito acadou, hai unha delirante e fantástica travesía de máis de sete minutos por unha paraxe completamente descacharrante: Sing This All Together (See What Happens). A excelente e exitosa She´s a Rainbow abre a cara B do antigo vinilo. Nesta canción, dos arranxos encargouse John Paul Jones, futuro baixista de Led Zeppelin. A lenda di que Steve Marriot e Ronie Lane (Small Faces) aportaron guitarras e coros, diante da falta de interese polo tema que amosaron os dous capos principais do quinteto londiniense.

Aínda que Ian Stewart e Nick Hopkins levaron o peso dos teclados, este sexto álbum dos Stones é a obra por antonomasia de Brian Jones (un dos músicos máis menosprezado da súa xeración), quen experimentou cunha ampla gama de instrumentos. Despois desta aposta, o grupo retornou á senda do blues-rock-country, tal como se comprobou en “Beggar´s Banquet” (1968), obra mestra na que Brian só exerceu de comparsa. Isto foi pouco antes de que o chimparan do grupo pola súa constante relación coas sustancias tóxicas e cando a morte xa andaba labrando a piscina na que aparecería afogado na madrugada dun tres de xullo de 1969. <Non sexades moi severos comigo>, deixou escrito coma epitafio na lápida da súa tumba.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Gonzalo Trasbach, Música. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Their Satanic Majesties, a obra por excelencia de Brian Jones

  1. Gonzalo Trasbach Paz di:

    Bos días, Magdalena. Cada un ten as súas preferencias. Non son unhas mellores cas outras, aínda que no lo poda parecer. A min gustaríame escribir sobre Camarón. Sei que un portento. Pero domino muy pouco o cante. Sei que quedan fóra moitos discos e moi bos. Penso nos de aquí e nos franceses ou italianos. Pero non trataba de abarcar tanto. Non teño información sobre todas as músicas. A música é unha arte moi especial. Antes de que souberan ler o escribir, as xentes cantaban, tocaban e bailaban, segundo mo teñe dito. Algúns o querían todo e…. Outros só podemos abarcar o que podemos, non máis, pois iso é perigoso. Nun próximo capítulo, co que lle vou pór fin á serie, intento explicar un pouco máis isto que che digo. Non tes porque ter vergoña ningunha, coma ben dices. Cada un sabe o que sabe, isto non é un concurso. E ao fin, un sabe poucas cousas, só están expostas algunhas das notas que teño ido recollendo ao longo de moitos anos. Bicos, querida amiga.

  2. Magdalena di:

    Querido Gonzalo; cada vez que te leo me dejas boquiabierta al comprobar cuánto sabes de “sus satánicas majestades” de “producciones estonianas” de esos “niños malotes” y un largo etcétera. Disfrutaría muchísimo poder opinar contigo sobre el tema o inclusive poder llevarte la contraria en caso de que no coincidiera en el mismo, pero, no me avergüenza confesar la ignorancia de lo que no sé, que son tantas cosas… y esta entre ellas . Yo soy amante de la música porque soy muy soñadora y la música es una forma de soñar y nada nos muestra el pasado como ella , pero mis preferencias son otras. Ya me gustaría que mis gustos abarcaran todo, o por lo menos hasta donde tú llegas; pero bueno, trataré de conformarme con leer todo lo que tú escribes que es muy bueno.
    Espero que no hayan sido severos con Brian. Seguro que posteriormente habrán resaltado todas sus cualidades, como suele pasar.
    Un fuerte abrazo, querido Gonzalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>