Un Coup de dés, de Mallarmé. Apuntamentos (V)

4175134-under-the-waterFidel Vidal. En Mallarmé latexa unha fascinación pola noite cósmica, pola noite estrelada, aquela que, con paixón desmesu-rada intentou pintar Van Gogh, coma Miró (tamén afeccionado aos códigos secretos) nos máxicos lenzos das Constelacións, e certa correspondencia na persecución de l’eternel azur, polo mar e o ceo, polo azul: “a única ocupación dun home que se respecta é, aos meus ollos, mirar o azul morrendo de fame”. Un ceo nocturno repleto de estrelas (branco sobre negro) ou dun mar en calma despois da tormenta cos restos do naufraxio aboiando (negro sobre branco). “O espello que me reflectiu o Ser foi case sempre o Horror” (M., Fragmentos, p. 58)

V. Números e cifras.

A Constelación é o infinito fixo, componse de 7 estrelas pero, sobre todo, oriéntanos cara ao Norte, o Septentrión. As marxes, os grandes espazos en branco das páxinas son moito máis que marxes: “a orde do discurso mantense aberto fronte ao seu outro, a orde do proceso inconsciente tamén supón as críticas do discurso como censura, represión do desexo” (Lyotard, Discurso, Figuras, p. 317).

A poesía moderna estaba cuestionando o modelo de verso, como desfacerse do xustillo académico, da medida rigorosa: verso medido ou verso libre? Métrica (Maître) alexandrina ou verso ao chou? Polos resultados posteriores, seica o verso libre tomou a dianteira. Mais na análise de Meillassoux, se ben a cousa non devén tan clara, malia a aparencia de desorde, é quen de dar coa clave dun enigmático número que agocha o poema: “O que lles vou tentar demostrar, así e todo, é que Un Coup de dés está cifrado, que hai razóns moi precisas para pensar iso e que o interese final non é o que está cifrado no poema senón o feito mesmo da encriptación” (p. 18). Segundo Meillassoux, Un Coup de dés, malia parecer ser o poema da modernidade extrema, do abandono radical da métrica, “é de feito unha defensa do metro. Trátase dun poema que defende unha métrica determinada” (p. 21). Concretamente a defensa do alexandrino: “Arcano estraño, e, con propósitos non menores, abrollou a métrica nos tempos da incubación” (S. M., Fragmentos, p. 107).

VI. O número Sete (7)

978607827627Para comezar, Meillassoux, pregúntase “se un número, ou unha cifra, aparece explicitamente no poema. A única cifra que aparece escrita en Un Coup de dés é o Sete. A tirada de dados final, que suple a do Maître esmorecente, dá lugar en efecto a un “Septentrión”, a un sete estelar que se sinala como unha victoria posible da estrofa final malia a desfeita reinante” (p. 50). Esta afirmación de Meillassoux é arriscada, xa que logo, o 7 non é a “única” cifra escrita do poema. Non en balde, aí está a evidencia, o obvio do mesmo comezo e título do poema: Un Coup de dés, quer dicir, o Un (1) é o primeiro número que aparece. Un número, neste caso, que non relata un feito, senón a posibilidade dunha acción, unha proposta que se pode dar ou non. Unha dúbida, unha eventualidade. Algo que é e que non é, agás o enunciado en si.

Contradicir o azar “palabra por palabra” -como escribe Mallarmé nun texto crítico-, intentar asociar sensatamente senso e reconto, esa é a tarefa suprema da poesía” (…). Mais, nese caso, advirte Meillassox, a conclusión final do poema: “Toute Pensée émet un Coup de Dés”, ¿non podería conter a chave métrica que nos habería permitir saber o que conta o 7 final? “Preguntémonos daquela se existe un elemento lingüístico que, contado nesa frase, daría o 7 como resultado. Abofé que o hai, o máis simple de todos: a conclusión de Un Coup de dés contén 7 palabras”(p. 57).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *