Un Coup de dés, de Mallarmé. Apuntamentos (VIII)

Fig. 1
Fig. 1

Fidel Vidal. Porque no manuscrito de Mallarmé, en cor azul está debuxado como se fose o signo infinito (∞) posto de pé, un 8, que se aparece tachado a conciencia mediante trazos de cor marrón. Reparar na reprodución facsímile (Fig.1). Un número embarrado que expresa non un signo numérico senón o número do suxeito, un significante que pon en risco ao mesmo suxeito. A cifra innominable que encerra o segredo, e que vai encriptar outros dous díxitos fundamentais: 7, 1. Casualmente, anotada cabo do díxito 8, á súa esquerda, na páxina 17 do manuscrito. O 8 semella ser un número indicible como aquel supersticioso que non é quen de pronunciar trece (13), e di: “doce máis un” (12+1). O mesmo acontece co 8, que se tapa cuns trazos de cor marrón para ocultalo e, no seu lugar, habería que dicir: “sete máis un” (7+1) [evidencia da suma, p.IX]. Velaquí os números especiais que o compoñen: 7, 1. Ou, se cortamos o 8 en dúas partes, de arriba abaixo en vertical, aparece un 3 en espello (Ɛ|3), un a ser dous, o par), que, sumados, 3+3=6 (6 dobre: o alexandrino das grandes ocasións). Un signo especular, un quiasmo (ab/ba), entre o comezo e o remate do Poema: Un Coup de Dés (jamais) /… / (Tout Pensée émet)un Coup de Dés.

Non podemos esquecer o Cero (0), o tourbillon, o remuíño. E, por descontado, o mesmo 8 (desaparecido) mais en posición de tendido, deitado (∞), o infinito [en brumas que impuxo un marco ao infinito, p. VIII], O AZAR. Do cero até o infinito. “Atopei dos abismos que me desesperan. Un é a Nada (…) ante a Nada que vén ser a Verdade, esas gloriosas mentiras!” (M., Fragmentos, p. 113) . O Un e o Cero: entramos na cuestión hamletiana de ser (=1), ou nonser (= 0).

X. A dúbida constante.

Segundo Mallarmé, o acto que se achega ao infinito entendido desa maneira é a dúbida. “¿Por que a dúbida? Porque na dúbida somos virtualmente o que somos e o que non somos. Á vez un é o que está a punto de realizar unha acción e o que, así e todo, non deixa de pospoñela”. (Q. Meillassoux, p.82)

Ora, a única “acción” do poema, como sabemos, resúmese nunha frase: “le Maître / hésite” [o Maître / dubida] se tirar ou non os dados. A única acción do Maître é a súa dúbida. E esta, ao contrario do caso de Hamlet, ou de Igitur, endexamais acaba por dar cunha resolución determinada. O que unicamente coñecemos do Maître é a súa dúbida permanente convertida en eterna. (Q.M., pp.83-84)

Fig. 2
Fig. 2

Quen é o Maître? Nas diversas traducións ao castelán, aparece Maestre, Mestre, Amo, e en galego, acertadamente por Eme Cartea (Anuario Barbantia, 2011), Patrón. É dicir, padre, pai, xefe, amo. A Métrica, xa que logo o “Maître” da tripulación de seguro, di Meillasoux, que é “o Metro da poesía a punto de afundir nas ondas tumultuosas, que á forza teñen que ser os segmentos textuais ciscados na Páxina de Un Coup de dés. Estes fragmentos retoman a característica do verso libre ao exacerbar o seu rexeitamento da forma clásica. O verso libre é o que somerxe o Metro”.

Tamén é un que manda; que pon orde, e que dubida. O Gran Mestre, un representante de Deus ou Deus mesmo. Ese Deus, “esa vella e malvada plumaxe”, [pluma solitaria trastornada, p. VII] co que loitou Mallarmé para se zafar del, quitalo de enriba, “derribado, felizmente”. Por que dubida? Porque talvez aínda abriga a idea e a esperanza de que se pon en marcha o lance, as cousas poden ir mellor. Iso no caso de acertar co número. De non ser así tería que repetir a tirada até dar con el, exactamente con ese número da sorte que calme a súa angustia. Mais dá o mesmo, porque o naufraxio vai ter lugar con independencia do azar, do número máxico e gañador, de calquera xogo. A loita con Deus librárase “sobre a súa á osuda” (…) “eu terminaba vitorioso”. (M., Fragmentos, p. 115)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *