Galicia e os galegos na poesía castelá LXXVIII. Juan Ruiz de Alarcón

Juan_Ruiz_de_Alarcón_(E._Gimeno)Román Arén. Juan Ruiz de Alarcón era novohispano, pois nacera en México en 1581. Era, xa que logo, un “criollo”, pero de orixe nobre. Veu por primeira vez a España en 1600 e exerceu de avogado. Volveu a México, pero regresou definitivamente en 1613 e morreu en Madrid en 1639. Ocupou o cargo de relator do Consello de Indias e polo seu físico, era chepudo, foi branco das rexoubas dos escritores rivais, fronte aos que foi pouco prolífico, pois só se coñecen vinte e catro obras da súa autoría. Dúas características son propias de Alarcón: o seu código de honra é menos ríxido có dos contemporáneos e salientan as acedas críticas á nobreza. Entre as súas pezas teatrais hai que citar La verdad sospechosa, Las paredes oyen, Examen de maridos, Ganar amigos e El desdichado en fingir.

Aínda que mexicano, onde había galegos pero poucos, e estes frades ou nobres, pois procurouse ao comezo da conquista que cataláns e galegos, nin vascos, emigrasen, para non formar núcleos americanos de lingua distinta á castelá, a familia de Alarcón debeu levar a América o prexuízo contra os galegos ou el o adquiriu en Madrid na súa mocidade.

Na comedia en verso Manganilla de Melilla vai facer uso de dous dos tópicos aplicados aos galegos, a “coz gallega” e os pés grandes:

Muerto soy. A mí se llega./ ¿No tuviera Salomón,/ ¡Cielo!, en tan fuerte ocasión/ patas de moza gallega?

O que fala é Salomón, que quere dar patadas a un león que está detrás del.

O tópico da “coz gallega” parte dun refrán, “A xuezes galizianos, con los pies en las manos”, que recolleu Gonzalo de Correas. E explícase o mesmo compilador: “Entiéndese: con el presente de aves asidas por los pies con las manos. Es muy usado en Galizia i en otras partes los pobres labradores presentar de lo que tienen a los superiores, i si tienen pleito, a los xuezes”. A corrupción vén de lonxe…

Dese uso naceu que os xuíces venais fosen alcumados de “Galegos” ou “Galicianos”, é dicir, falsos “como las mulas i bestias de Galizia, que lo son más que las de otra parte”. Da falsidade das bestas pasou á falsidade das galegas, por iso Lope de Vega fai sinónimo muller de falsidade das eguas galegas:

“Haze papel de yegua galiziana”. En Lope, pois, está ben explícita a “coz gallega”. “Pues sea/ que a un pellizco, un moxicón,/ y a un beso, una coz gallega”.

Caramés Martínez amosa como pasa de aí non só a Lope, senón tamén a Espinel, Alarcón e chegou ata o século XX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *