Versos do eunuco, de Luisa Castro

eunuco1Antonio Piñeiro. Releo por vixésima ou trixésima vez -xa non o sei- Los versos del eunuco. Vou mordendo polas rúas e os versos libres de Luisa Castro as páxinas dun libro que nunca se me acaba. Achado dunha daquelas tardes de sol Kodak ou sol Agfa nas que a poesía ía dun lado para outro en fotocopias, apuntamentos, borradores, carpetas e ocos de materia, preguntándose de boca en boca a onde quería ir, e pousou na ventá do meu cuarto de estudante nesa mesma forma de paxaro dubitativo. Un eunuco me escribe versos … con un poco de higuera y de cangrejo. Facía uns días que alguén, na televisión, lle soltara a Luisa un deses tópicos que adoita soltar sobre a poesía quen xamais a le: vén o outono –díxolle-, a estación dos poetas. ¿Escribe Luisa Castro mellor en outono? Luísa xa non sabía cara onde mirar. Notáballe, na cámara, o arroibo e o apertar de dentes, a conmoción do bo libro a piques de ser desbrozado pola desgraciada pregunta. Sobrepúxose e levantou, por fin, os ollos. Respondeu cun nesgo tremoroso tras o que intuín o tremor do libro. Fun correndo por el. Foi aquela mirada de Luisa.02-luisa-castro Releo por enésima vez Los versos del eunuco e tráioo aquí, ao noso Café Barbantia, para recomendarvos a súa lectura, un paseo polos xardíns e asilvestramentos do humano; versos para ver ou osarios das horas; un lirismo intuínte, que quedou entre o corpo e a alma, entre o día e a noite, como aquela poesía sublime de limbo e fotocopia. Podedes achegarvos a unha biblioteca e pedir o libro como se facía antes, para levalo á casa, porque xa non está á venda. Ou, si, adquirilo nunha librería de lance (Internet vai ser o novo dedo de Adán, o dedo sixtino da nova era do libro en papel) onde, se chegades a tempo, poderedes conseguir unha primeira edición dun dos máis fermosos poemarios xamais escritos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *