Arte nos escaparates

PaseartePilar Sampedro. Neste Nadal comezou en Compostela unha experiencia que ten todos os visos de continuación ao longo do ano, segundo afirman os seus organizadores. Estes non son outros que Javier Lado, director da galería Metro (verdadeiro artífice e comisario) que a puxo en marcha coa colaboración das galerías Trinta, Luísa Pita e Federica no era tonta. “Pasearte. Primeira Mostra de Arte Contemporánea nos Escaparates de Santiago Centro” consistiu en colocar nos escaparates das tendas do Ensanche obras de artistas das galerías citadas estendendo, desta maneira, as súas mostras.

Levar a arte a un lugar no que –neste momento– non hai ningún dos colectores de arte públicos ou privados pois as galerías están situadas no casco vello, intramuros na súa meirande parte. Pois si, a zona nova semella non prestarse moito para eses oficios, de aí que o experimento teña máis valor. Javier Lado é insistente, el vai trasladando a súa galería por toda a cidade e hai tempo, moito tempo, cando a tiña en Xeneral Pardiñas, conseguira colocar pezas no escaparate de Elena Mareque, unha artista da costura que tivo o seu obradoiro na cidade. Agora estende a experiencia, leva estas catro galerías a quince rúas e noventa e cinco escaparates, un verdadeiro record! Percorrer o Ensanche de escaparate en escaparate, buscando a obra co folleto na man e seguindo o plano, observala e caer na conta de que a arte casa ben detrás do cristal.

Cando a arte sae aos escaparates, cando se vai ao lugar no que non hai galerías, cando busca humanizar a cidade (porque a arte ten esa finalidade: facernos máis humanos, máis sensibles, máis profundos) achega cultura á actividade comercial e ás vidas de todos e todas, tamén á dos que nunca atravesan a porta dos establecementos nos que se exhibe e promociona a arte.

A arte acode a interrogarnos, a sorprendernos, a emocionarnos desde os museos, as galerías privadas ou, neste caso, as vitrinas das tendas. Mentres as percorría estes días pasados, pensaba que a pena fora non poder ver a verdadeira performance dos galeristas buscando en que lugar encadraba máis a obra de cada artista e dar xusto coa que mellor lle vai; niso pensaba cando descubría unha figura de Iván Prieto co morro de porco en Ferro ou outra de difícil equilibrio nunha tenda de danza, as obras de Marta Iglesias nas de produtos infantís, as de avoas heroicas de Joseba Muruzábal nas de produtos da horta ou unha foto na que se ve a Mauro Trastoy mordendo unha pola de toxo nunha armería.    

Todo Santiago Centro convertido nunha exposición de forma que camiñas encontrándote coas obras de Soledad Penalta, Eva Lootz, Antonio Murado, David Planas, Roberto González, Xurxo Martiño, Pamen Pereira, Vicente Prego, Vari Caramés, Santi Jiménez, Jesús Madriñán, Edu Valiña, Norberto González, Olmo Blanco, Din Matamoro, Xavier Cuíñas, Xurxo Alonso, Sheila Pazos, Emilio Mariño…  Por riba disto, dos paseos libres ou visitas guiadas (que as houbo), realizáronse encontros con artistas, foros de arte, accións artísticas ou obradoiros. Que máis se pode pedir? Pois si, que o exemplo se espalle por outros lugares, que nas vilas se lle abran esas posibilidades aos artistas locais para que a súa obra estea á vista dos veciños, nos escaparates.      

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *