Da familia Negro

ANegro. 4Pilar Sampedro. Hai uns días citaba aquí, aos artistas galegos nas exposicións do CGAC para referirme a ModeloXarmar no que se mostraban obras de galegos producidas entre mediados do século pasado e a actualidade. Daquela, non recollín outra exposición que tamén ocupa, neste momento, as salas deste Centro. Trátase de Y de Álvaro Negro do que me ocuparei ao paso, porque teño interese en determe na familia Negro.

A exposición Y ocupa o primeiro andar e o triplo espazo, cunha serie de obras de diferentes materiais e formatos nos que experimenta coa pintura e o vídeo, técnicas, estilos e medios diferentes. Explora a abstracción e unha nova figuración, cunha serie de elementos comúns como a preocupación pola iluminación e as texturas, a liña vertical como elemento presente en moitas das obras ou a revisión da historia da arte a través de tonalidades que nos remiten aos dourados do medievo ou aos negros do barroco. Materiais tan dispares como a tela de saco, o aluminio ou o espello aparecen buscando o seu lugar ao lado de outros nos que as cores negras e vermellas se asentan sobre o liño ou a táboa. A busca do esencial camiña á par dunha certa austeridade que ata pode reducir o tamaño do cadro. O goteo dálle a man ao arrastre ou varrido a conciencia da pintura. O craroescuro ao lado da tela que deixa entrever o lenzo interior e nos fala do que hai que adiviñar porque nunca se nos revela totalmente. O paso do tempo na paisaxe de forma que semella paralizada, apenas unha choiva maina… ata que o cambio de luz nos fala de diferentes horas, de que o tempo pasou… unhas veces sen darnos conta, outras máis evidente. A asunción da arquitectura como parte da obra, coma ese contexto que lle achega contido e patente especialmente no triplo espazo, abríndoo para que se mostre tal como foi deseñado polo arquitecto, e aínda máis cando a visión de ese espazo a vemos desde arriba e ao lado dos vídeos nos que se recolle a natureza no tempo observamos o cadro situado na esquerda coa paisaxe pintada e ao fondo da pasarela, a través do cristal, o parque de Belvís: tres visións da natureza aproveitando o que o edificio permite.

Vén Álvaro Negro da primeiras fornadas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, percorre Londres e Berlín e volve á casa coa mochila no que está o que vai de serie, a esencia, e a experiencia e coñecemento adquiridos. Sempre é un pracer recuperar a un artista tan novo e tan maduro.

Pero eu quería titular esta entrada “Da familia Negro” porque cando vexo algo de Álvaro penso e Carlos e viceversa. De Lalín, dunha familia que achega dous artistas,un na plástica e outro na literatura. Novo os dous pero con moito que contar xa. Descubrín primeiro a Carlos, nunha daquelas edicións de Letras de Cal cun libro marabilloso -no sentido cunqueirán-  As laranxas de Alí Babá, un longo poema de amor no que recuperabamos o mellor da nosa fantasía, o mundo de oriente visto desde o por do sol, con toda esa maxia que cabe nunha laranxa ou nunha fermosa historia. Logo eu Far – west para falarnos de nós dos que estamos deste lado do mundo e coma os indios semellamos periféricos en todos os sentidos. A partir de aí, quero determe nos poemarios dirixidos á mocidade Makinaria para eles, para os rapaces que agardan o fin de semana para subirse á moto sen saber en que momento van baixar, para os que son fortes co motor por diante e todas as consecuencias desa inocencia. Logo veu Penúltimas tendencias para elas, para as mozas que a pesar de todas as modas, marcas, publicidade, revistas… son quen de resistir e rebelarse, de ser elas contra o inmenso pé do machismo. E metido en tema de igualdade, escribe Carlos Masculino singular a obra que todos os homes debería ter de libro de cabeceira, porque é imprescindible pensarse para cambiar unha realidade que non nos gusta nin a unhas nin a outros.

Singulares son os irmáns Negro, singulares e artistas galegos, sen dúbida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *