Cuarzo, feldespato… e radon

BM23C2F6_21315Jose Lires. A historia dos avances en cien-cia e tecnoloxía está saturada de feitos ines-perados que supoñen un xiro das investiga-cións rematando en descubrimentos cando menos sorprendentes. A mediados dos anos oitenta do século pasado, un operario dunha central nuclear en Pensilvania disparaba todos os dispositivos de seguridade pola alta radiación que emanaba do seu corpo. O curioso do caso era que as alarmas saltaban cando chegaba cada mañá á central, pero non cando abandonaba as instalacións. Incrédulos, os técnicos optaron por realizar medicións no seu fogar. Alí atopáronse cunha concentración moi elevada dun gas radioactivo, o radon. Poucos anos despois, o goberno americano incorporaba medidas para controlar a exposición a este gas, ao tempo que a OMS o declaraba como un canceríxeno humano.

Pero antes de seguir indagando nas características deste inimigo invisible, permítanme un apuntamento: a radiación natural estivo presente na Terra dende moito antes da aparición da vida. É máis, algunha apaixonada teoría sitúa o seu berce nos primixenios depósitos de uranio onde se deron as condicións para a posta en funcionamento de reactores nucleares naturais. Así e todo, a casuística da existencia acomódase nun lene equilibrio entre o ambiente e a propia vida que a nosa especie parece esforzarse en modificar desdeñando os riscos de carácter natural.

Desidia dos actores

A exposición ao gas radon é un exemplo evidente de risco natural ignorado, non xa tanto polo descoñecemento da problemática, como pola desidia dos actores implicados no seu amortecemento. E por que nos acordamos agora de Santa Bárbara? Dende hai uns meses, os medios de comunicación andan a informar da entrada en vigor dunha directiva europea (aprobada en 2013) que obriga o Goberno español a reducir o gas radon en vivendas e lugares de traballo, logo de máis de trinta anos de facer oídos xordos ás advertencias dos científicos.

E tócanos de cheo. O noroeste peninsular comprende zonas cun alto potencial de radon. Enfrontámonos a un gas incoloro, inodoro e insípido orixinado na cadea de desintegración radioactiva do uranio, moi frecuente nas rochas graníticas. O perigo da exposición prolongada a este gas confirmouse en numerosos estudos que o sitúan como o segundo factor de risco, despois do tabaquismo, de cancro de pulmón, e o primeiro nas persoas non fumadoras. Así pois, se en EE.UU. o nivel de acción establécese en 148 bequerelios por metro cúbico (expresión do número de desintegracións por segundo nun metro cúbico de aire), comparable á radiación recibida de sometérmonos a 200 placas de tórax anuais, a directiva da UE eleva ese límite ata os 300 bequerelios por metro cúbico para actuar. Fagan contas!

3 comentarios en “Cuarzo, feldespato… e radon

  1. Moitas grazas Jose, pola túa rápida resposta, polos teus ánimos, e pola información. Aquí, a pesares de que nos tocou a pares, ánimo e confianza no nos falta.
    Graciñas, moita saúde, e unha forte e agradecida aperta desde Palmeira.

  2. Encantada de volver a leer tus interesantes artículos, Jose. Aquí en nuestra calle, en unos cien, o ciento cincuenta metros que nos separa a uno de los otros, somos cinco los afectados pero no de pulmón precisamente. ¿Esas mediciones pueden reclamarse? y, ¿cómo hay que hacer para solicitarlas?
    Muchas gracias de antemano, y reitero lo de encantada de volver a leerte.
    Salud, Jose.

    1. Moitas grazas Magdalena. O laboratorio de radon de Galicia da USC é o centro de referencia para este tipo de medicións. Podes poñerte en contacto con eles na súa páxina web http://www.usc.es/radongal/inicio/?lang=es. No apartado de solicitude de servizos asesóranche de cal sería o método de medición axeitado ao caso, e o custo que tería.
      Hai uns días asistín a unha charla dun médico de Outes que ten constado uns 23 casos de cancro nunha parroquia deste concello, e conseguiu que se instalasen un número importante de medidores de radon para determinar a concentración nas vivendas. Hoxe precisamente a cadea T5 fíxose eco da problemática e no xornal El País, días atrás, tamén apareceu a referencia. As investigacións publicadas encontran relación deste gas co potencial risco de padecer cancro de pulmón, non obstante, e segundo este médico, só existe unha publicación en referencia a outro tipo de cancro. Hai dúas posibilidades, unha que non se teña estudado suficientemente a relación do radon con outras casuísticas ou que en realidade non sexa un factor tan determinante no incremento do risco.
      En todo caso, as alertas da OMS son bastante claras e as medidas adoptadas (dende fai décadas) noutros países van encamiñadas ao control da concentración deste gas nas vivendas. Aquí, no noso país sustentado sobre o sólido granito, dilatamos os tempos para que finalmente entren en vigor as normativas europeas que obrigan a adoptar medidas preventivas e mentres tanto optamos por mirar para outro lado, por desgraza. Minimizar o risco á exposición deste gas, ese sería o obxectivo. Ánimo, saúde e biquiños Magdalena, encantado dos teus comentarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>