Exposicións no Barbanza, Alfonso Rivero de Aguilar ou a lectura da pedra

ARdAPilar Sampedro. Alfonso é escultor. Traballa a pedra; moitas veces faino con pedras semipreciosas como sucede coas asturianas pedras de Llanes ou Covadonga. Pero sempre as trata como se o fosen, como xoias que gardan un tesouro que o artista debe descubrir para poder intervilas. Escólleas, míraas, remíraas, admíraas, dálles a volta, xira arredor delas… e agarda, ata que a pedra colle confianza e se abre para mostrarlle o que quere ser. Trátase dun traballo a medias, no que o escultor escoita a pedra e a vai interpretando coa súa sintaxe, dando pasos lentamente para non traizoala, nun diálogo frutífero, nunha comunicación case espiritual.E así consegue chegar a un acordo con ela, un consenso entre o que escoita e o diálogo no que lle transmite as súas obsesións: o empeño no corpo feminino, as liñas suaves…

Alfonso transforma as pedras en obras, convérteas en arte ao tempo que extrae o que a pedra garda no seu interior: esa textura e esa cor que non eran visibles ata que el a traballa amorosamente para mostrarnos a parte viva das entrañas da terra. Saca do material xeolóxico o que contén desde o principio dos tempos, creando arte onde había natureza, dando forma ao informe.

As pedras teñen vocación de ídolos, desde sempre, e cando lles permites expresarse aparecen os tótems, e as pezas teñen algo de matérico e informe que nos remite á noite do planeta. Veñen as figuras precolombinas de San Agustín ou Tierradentro, chegan os moais da illa de Pascua, eses rostros indiferentes ao devir humano, as caras que impoñen medo, as faccións dos que viven no Olimpo alleos ás criaturas. Pero, o autor é esencia humana, e empéñase en representar ese corpo que nos representa desde sempre: as cabezas, o eterno feminino, a parella… porque o amor fainos inmortais e ten un lugar privilexiado na súa obra. Dúas linguaxes que se miran aos ollos e se enfrontan dando lugar a unha expresión na que se balancean dúas lóxicas; así, hai pezas que son totalmente evidentes e outras ante as que xorden dúbidas pois non sabemos se vemos ou imaxinamos, se desciframos todo o que contén, se se trata dun número ou outro de figuras…  Porque, de últimas, será o espectador quen remate o proceso, lendo a obra, interpretándoa, achegando a súa sensibilidade e capacidade de ver.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *