Resiliencia

Matalobos
Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. A ningún dos amigos cos que cada xoves tomo a cervexa se nos ocorreu pensar que un alumno ou calquera persoa se puidese medir polo valor da súa resiliencia, porque para nós a resiliencia é un termo da física que define a resistencia dun elemento ó ser golpeado. Pero tamén é certo que as palabras teñen a virtude de adaptarse ás circunstancias, así que, buscando máis polo miúdo, fomos ó «tumbaburros» e atopamos que hai unha segunda acepción na que se define como a capacidade de adaptación dun ser vivo a calquera axente perturbador, tal sería a de vencer situacións adversas; e iso precisamente é polo que foron medidos os alumnos galegos encadrados nas capas máis desfavorecidas da sociedade en comparación cos doutros lugares en similares circunstancias, segundo unha monografía sobre a equidade educativa en España, que foi presentada estes días atrás, feita a partir do informe PISA 2015, a cal nos sitúa entre os mellor valorados do Estado en tan restrinxido ámbito, acadando, comparativamente, os mellores resultados académicos.

Mágoa de triunfo. Nada máis lela, vénme á mente o capítulo Ignotus, no que Murguía, no seu libro Los Precursores, loando a un mozo analfabeto e mendicante que tocaba a frauta como un primor (eu diría como un autómata), sen ter pasado por ningún conservatorio, trata de amosar e demostrar o que el dá en cualificar como a innata capacidade artística dos galegos, colocándoo ó lado das figuras máis sobresaíntes do momento, como Rosalía, Serafín Avendaño ou Pondal. E nin tanto nin tampouco. resilenciaSabemos que é unha pequena hipérbole do Patriarca, porque el tamén sabía que arte e maña non son sinónimos. E sen negar a capacidade de tantos creadores autodidactas de todos coñecidos, a ninguén se lle escapa que os xenes do artista ou do bo estudante hai que regalos como se fosen plantas, porque ninguén nace aprendido.

Sen embargo, visto con máis frialdade, aínda recoñecendo que os xenios poden florecer en calquera momento e lugar, se ben este noso grupo de estudantes saídos das clases máis humildes e con menos medios, sacan mellores notas cós seus iguais do resto da península, non debería de ser o que nos contente, senón o afán de que ningún rapaz pase necesidade, que para sacar un curso adiante non teña que pelexar cos libros e co entorno. O outro paréceme unha resignación. Á fin, da capacidade dos nosos paisanos para superar os atrancos que a vida lle pon temos unha longa historia de resignados que acabaron collendo os camiños da diáspora por falta de medios na terra, abocando unha estranxeiría chea de dificultades, que tanto nos fan lembrar ós inmigrantes que hoxe loitan aquí, entre nós, por acadar a nacionalidade, por acceder a un posto de traballo e por ter os mesmos dereitos ca un nativo.

Sen embargo, seguimos coas cataratas ameazando coa cegueira, pois ese estudio, que por un lado nos pon no podio da resiliencia, tamén advirte do baixo nivel xeral dos nosos estudantes, sexan pobres ou ricos, por debaixo dos estándares internacionais, o cal nos coloca ó final da lista da excelencia educativa. Con todo, aí queda un triunfo máis de Galicia fronte ó mundo: entre as clases máis necesitadas da sociedade somos os mellores, ou en termos da física de materiais, os que mellor soportamos os golpes.

Un comentario en “Resiliencia

  1. Querido Francisco: Referente a “o camiño da diáspora” nuestro rianxeiro Castelao, decía: – “Os galegos non pedimos; emigramos”
    Segundo: – Tengo entendido que Federico Chueca no sabía música y en el mal llamado “género chico” fue un “chico grande”.
    Tercero:- Flaubert decía que “El talento, es una larga paciencia”.
    Cuarto:- Manuel Gago en “O anxo negro” dice: “A las personas las va esculpiendo el tiempo”.
    Ahora te dejo; tengo una consulta pendiente con el “tumbaburros”. He leído hace un par de días la palabra “burdégano” y no tengo ni la más remota idea de su significado. Voy a consultarlo antes de que se me olvide para haber si así me tumba, y me caigo de él.
    Besiños palmeiráns, Francisco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *