Para que serven os fósiles?

BY25C4F3_205432

Na imaxe pode verse un fósil de amonites cuxa cuncha se converteu en pirita

Fernando Losada Rodríguez. Hai 440 millóns de anos, a finais do período Ordovícico, o noso planeta Terra era moi diferente. Mentres que en terra firme só había plantas sinxelas e fungos, nos mares abundaban os trilobites, uns invertebrados de patas articuladas moi diferentes dos seus parentes actuais, crustáceos e insectos. Precisamente un morreu nesta data, e o seu corpo caeu ao fondo, onde foi sepultado por areas e arxila. A falta de osíxeno e a dureza do seu esqueleto externo fixeron que a putrefacción fose extremadamente lenta; tanto, que cando comezou a desfacerse, o material que o rodeaba transformouse en rocha dura, debido a que xa perdera toda a auga por estar sepultado por toneladas de materiais por riba dela. Pero, finalmente, o corpo desapareceu, e pouco a pouco, foron entrando minerais no oco que deixou o animal, dando como resultado unha figura feita de minerais coa forma dos restos do ser vivo: un fósil.

Hai poucos meses, os operarios dunha mina de Marrocos atoparon o fósil no medio dunha rocha sedimentaria e puxérono á venda; o exemplar foi pasando de man en man, e rematou nun posto da Feira das Marabillas da Coruña de 2017, o pasado verán. Pasei por alí, e como me gustan os fósiles, parei a botarlles un ollo; e unha señora preguntoume, cando tiña o exemplar na miña man: «E iso, para que serve?». Xuro que a anécdota é certa.

Teoría do Universo

Sabendo a antigüidade empregando a datación radiométrica (que se basea na duración de variantes de certos elementos radioactivos antes de desintegrarse), os fósiles convértense nunha proba fundamental da Teoría da Evolución: hai 3500 millóns de anos só había bacterias no noso planeta, pero pouco a pouco foron aparecendo células con núcleo, plantas, animais… e a árbore da vida tivo cada vez máis ramas.

Debido á dificultade da súa formación, seica o dous por cento de todas as especies que viviron no noso planeta deixaron restos fósiles (dalgúns só temos fósiles da súa actividade: os icnofósiles): non temos xeito de coñecer os demais.

Aínda que nunca seremos quen de completar a árbore da vida, debemos intentalo. Non sería marabilloso poder descubrir como foron todos os antepasados da Humanidade?

2 comentarios en “Para que serven os fósiles?

  1. Gracias por tu mensaje, Magdalena. Lo cierto es que tenía previsto que mi segundo artículo de este año se publicase en febrero, pero al final se retrasó por un ligero error por mi parte.

    Encantado de seguir colaborando con un par de artículos anuales en Barbantia siempre que me den esta oportunidad.

  2. Muy interesante todo lo que siempre escribes, Fernando. Ya era hora de que hicieras acto de presencia por la Cafetería, los asiduos a ella, te echamos de menos.
    Siento ser tan escueta, salimos ahora para Santiago.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>