Boas persoas

O Fío de Ariadna. Maio 2018. ImaxeUxía Casal. Cando cambiei o coche pola furgo (vai xa para cinco anos), atendeume un señor moi amable, que foi quen de aturarme un día que cheguei ao concesionario feita unha furia. Acababa de ter un «detalle» cun condutor impaciente que pretendeu apuparme por un presunto erro só polo meu aspecto (os longos pendentes non admitían dúbida). Era tal o meu cabreo que, de primeiras, coidei que as palabras sensatas do vendedor respondían ao interese por salvar o trato e calmarme, pero cando o oín dicir, todo convencido, que un machista non pode ser boa persoa, mireino con outros ollos.

Meu home pediume que lle preguntase se coñecía a Fulano de Tal, que era da mesma vila có vendedor, e, xa subida na furgo con el de copiloto, descubrín que eran a mesma persoa. Non tiven queixa da súa reacción cando lle expliquei con quen estaba casada: abriu moito os ollos, fitoume e exclamou abraiado o alcume de mocidade de meu home. Había máis de trinta anos que perderan o contacto; a anterior vez que eu o vira fora a noite en que meu home e mais eu comezamos a nosa relación e, algún tempo despois, desapareceu das nosas vidas.
Aledoume o indicible comprobar que Fulano de Tal conseguira continuar sendo unha boa persoa.

 

Un comentario en “Boas persoas

  1. Difícil continuar siendo una buena persona con los tiempos que corren. Sin embargo si naces bajo ese signo (aunque no creo demasiado en este tipo de !;%?&), que de alguna manera te atribuyen, y encima te educan bien, eso no tiene fecha de caducidad; por eso cuando me encuentro ante alguien, con esas características o virtudes…me encanta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *