A literatura como arma política

tumblr_lm75ngLsA31qaz05ko1_500César Alen. A literatura non sempre é inocente. Foron moitos os movementos políticos que utilizaron a teoría literaria para os seus propios fins. Iso demostra o poder que alberga o feito literario. Pode ser un perfecto medio para alcanzar calquera fin. Sobre este uso da literatura houbo infinidade de teorías, de estudos,  todo tipo de enfoques.  A mesma existencia da teoría literaria pon de manifesto a necesidade dunha explicación ao feito en si mesmo. Coa peculiaridade engadida de que o medio utilizado para analizar o discurso literario é a propia linguaxe, é dicir a metalinguaxe, a metaliteratura. Esta metodoloxía é única na teoría do coñecemento. Neste sentido todos os movementos socio políticos, dende o primeiro achegamento de Aristóteles, a través da súa Poética, ás teorías clasicistas, pasando polos formalistas rusos, o estruturalismo xenético, ou as teorías marxistas viron na obra literaria un medio privilexiado para verter as teorías políticas, para intercalar as novas ideas diluídas no aparente adanismo da arte. Aínda que lembremos que xa Platón vía un poder subversivo na literatura: “debido á influencia que ten sobre as almas” Esta idea non pasou desapercibida para moitos ideólogos, para os teóricos que pretendían trocar a sociedade, unhas veces no interese xeral e outras no seu propio. A historia finalmente desvelaríanos as posibles intencións ocultas.

    Lenin foi un dos que desenvolveu a teoría a este respecto nun artigo titulado A organización do Partido e a literatura de partido. Consideraba que o proletariado debería ter moi en conta a literatura. Pero prefería non facer unha literatura exclusivamente proletaria, porque esa diferenciación mantería viva a división de clases. Para Lenin: “Os obreiros debían aprender a comprender cada vez mellor a literatura para todos”.

   Para Trotski, pola contra, os obreiros deberían ter a posibilidade de desenvolver a súa propia arte, xa que historicamente as clases dominantes crearon a súa propia cultura e a súa propia arte. Pero para o autor ruso a etapa onde o proletariado chegase a sustentar a supremacía sería relativamente curta, por tanto o interesante sería chegar a unha idílica sociedade sen clases, na que: “O proletariado finalmente conquistará o poder para acabar para sempre coa cultura de clase e abrir paso a unha cultura humana”.

    O alemán Bertolt Brecht consideraba  á literatura como unha “arma” política na loita revolucionaria. Por iso avogaba por unha literatura realista, pero un realismo activo, crítico sobre esa mesma realidade. O teórico alemán engade ademais a decisiva intervención da forma, da estética. Efectivamente se algo converte en arte a realidade é a utilización dunha linguaxe autotélica, onde os recursos literarios se fagan patentes.

fead716884f34a789972d5a78adc8d23   Pero cecais onde mais claramente se poida ver a utilización política da literatura é nos textos de Mao Tse-Tung. En 1942 nun foro de arte e literatura, xa outorgaba  preponderancia ao aspecto político sobre o artístico e opinaba que: “A arte e a literatura deberían encaixar no mecanismo xeral da revolución e converterse nunha arma poderosa para unir e educar o pobo e para atacar e aniquilar o inimigo”. En Mao non hai lugar á dúbida, a súa intención dende o primeiro momento era dispoñer de todas as ferramentas posibles para a súa famosa “Revolución Cultural”, sen exporse á natureza da arte, á consideración do seu valor intrínseco. O propósito revolucionario necesitaba toda estrutura cultural ao seu alcance, sen entrar noutras consideracións. A este respecto opinaba abertamente: “Non existe, en realidade, arte por arte, nin arte que estea por encima das clases, nin arte que se desenvolva á marxe da política”, e ía máis lonxe: “Canto máis elevada sexa a calidade artística, tanto máis pode envelenar ao pobo”. Estas demoledoras conviccións retrotráenos á opinión de Platón que mencionamos anteriormente, nas que vía na literatura un poder subversivo, ao que había que controlar. Quizá esas declaracións do filósofo grego representaron os cimentos da censura como forza de control político.

    Neste sentido e observando o que a historia nos revelou da China de Mao, creo que debemos reivindicar o valor crítico da arte, como apuntaba Brecht, ou en toda caso concederlle a autonomía necesaria para que se baste a si mesma, para que se autorregule e non claudique ante ningún poder. Nunha posible contextualización seguramente Mao creu que  naquel momento a prioridade era acabar co feudalismo e si para iso tiña que utilizar a literatura como calquera outro medio revolucionario non debería dubidalo. En realidade, é unha vella formulación marxista. O propio Sartre debatía sobre o papel que debía desempeñar o artista na sociedade. Por iso deu tanta importancia á palabra dentro da prosa á que vía de moita utilidade. Pola contra cría que a poesía consideraba as palabras como cousas e non como signos. Sartre pensaba que: “Escribir é descubrir un aspecto do mundo, coa posibilidade de cambialo”. Para iso a palabra, a forza da palabra é imprescindible, así como certo esteticismo. Aínda que deixa claro que o fundamental é o tema.1329854243_525158_1329860208_noticia_fotograma Tamén opinaba que a creación artística se basea: “na necesidade de facernos sentir esenciais ante o mundo”. Pensamento que se repite en Harold Bloom. Sartre do mesmo xeito que Bhartes engade ao lector como ente necesario para completar a obra, para testemuñar a intención inequívoca do autor: “Escribir é, pois, á vez desvelar o mundo e propoñelo como unha tarefa ao lector. É recorrer á conciencia doutro para facerse recoñecer como esencial”.

   O interesante e ineluctable da teoría literaria é o recoñecemento de todas as xeracións do seu poder, das posibilidades que ofrece en todos os sentidos, dende o espiritual, estético, ata o político e social. En certo xeito dáme a impresión de que o feito de escribir teoría literaria parece lexitimar, normalizar  ata despenalizar calquera acto por cruento que pareza. O feito literario fainos máis humanos, identifícanos, propúlsanos máis aló de calquera segmentación, de calquera posible fragmentación da personalidade. O feito literario fainos máis humanos que a propia vida. Referenda a nosa posición, a nosa existencia, colócanos nun lugar de privilexio, dános a posibilidade de recoñecernos no espello, aínda que eses do espello finalmente non sexamos nós.

    A este respecto véñenme á memoria unhas providenciais palabras de Thomas Mann en A Montaña Máxica, que me parecen definitivas, alentadoras e moi reveladoras. Palabras que escenifican á perfección o papel da literatura na humanidade: “Toda a civilización e todo perfeccionamento moral parten do espírito da literatura, que é a alma da dignidade humana”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>