Unha novela contundente e de absoluta actualidade

41ucgTl3MSL._SX328_BO1,204,203,200_Xavier Seoane. Das persoas que coñezo no ámbito da cultura galega, Fidel Vidal é unhas das máis cultas, abertas e polifacéticas que teña frecuentado. Á marxe da súa condición de psiquiatra, ten despregado un longo labor no coñecemento das artes plásticas, na práctica da pintura, no exercicio da poesía, do ensaio e da narrativa.

Precisamente a súa última obra narrativa, Os coros da novena, esplendidamente publicada por Espiral Maior e cun magnífico prólogo de Antón Riveiro Coello, é en parte unha consecuencia lóxica do seu profundo coñecemento da psique e da natureza humana, logrado tanto no exercicio profesional da psiquiatría como na condición de humanista interesado polos problemas e os feitos que atinxen ao ser e o devir humanos.

Trátase dunha novela traballada, densa, dominada pola forza expresiva e a contundencia temática. Unha obra marcada pola intensidade das emocións e dos sentimentos. O ámbito do pathos ocupa, pois, unha acusada presenza nesta obra de capítulos breves e estrutura circular, que remata cun retorno sorprendente ao momento inicial.

A obra está narrada en primeira persoa pola protagonista, a “filla”. E desenvolta nun estilo rotundo, de fraseo curto e descricións breves. Todo un despregue de introspeccións e constatacións psicolóxicas, emocionais e morais constelan a obra, centrada nun lugar chamado Mareira, que supoñemos constitúe un trasunto literario de Santa Uxía de Ribeira.

                                               Unha rica temática

A obra destaca pola riqueza da súa temática no ámbito dos conflitos e das relacións familiares. Reflicte, en definitiva, o drama dun fogar. A familia está contemplada coma o núcleo dunha verdadeira intemperie, coma o incuestionable cárcere ou inferno que, nos seus peores rexistros, pode chegar a ser: como unha asfixia para o medre afectivo, intelectual e moral do suxeito.

Mais xorden moitos temas arredor, a modo de constelacións: o alcoholismo, a pederastia, a inocencia e a súa perda, a educación no fogar ou na escola, a descuberta e os ritos e prácticas da sexualidade, o odio, a loucura, os desequilibrios, as obsesións, o amor maternal… Sendo decisivo o realce que se lle dá á liberdade como posibilidade real de elección do destino, de procura da persoa, da identidade propia. Unha persoa que, no caso da protagonista principal, amósase como necesitada de apoios e de afectos, “famenta de amor”, como ela mesma constata, desexosa de emancipación para construír a súa vida cos restos do seu naufraxio.

                                              Algúns personaxes decisivos

Na obra existen algúns personaxes de alta transcendencia, dada a súa actitude e o seu comportamento.

O pai constitúe unha figura carente de empatía, de afecto, de tenrura. Seméllase a un “Deus” maiúsculo, con toda a prepotencia e o poder sobre os demais. É un home mediocre, unha especie de pequeno burgués de percal, vilego e provinciano, con ínfulas de clase. Un home do pasado, formado no franquismo e aferrado como unha lapa aos seus valores. Un home en realidade, frustrado. E desa condición procede a súa natureza autoritaria, severa e represora. O seu machismo é de catálogo. A súa relixiosidade, retrógrada. A súa moral, estreita e lesiva para os demais, con aspectos fondamente coactivos. No persoal, amósase como inauténtico, celoso e interesado. Mesmo non carece dun certo punto cruel, dada a súa condición de home “silente e ladino”. Incluso a súa condición de melómano semella como impostada, teatral…

Fidel_Vidal_Pérez_(AELG)-5A nai é unha persoa sometida ao marido. Amosa un carácter pasivo e débil. A filla cualifícaa como “histérica, inxenua e ignorante”. Vén ser unha especie de criada e secretaria servil do seu home, quen procede dunha clase superior.

O tío Gumersindo ten un papel tristemente relevante. E outros acompáñano no debuxo desta situación familiar e social na que se tecen as relacións da protagonista: o marido Vicente, o amigo Carlos, a sogra, o sogro, a abondosa e afectuosa tía Virtudes, a criada, o director da escola, o círculo dos amigos do pai..

Mais a verdadeira protagonista é Amparo, unha muller vítima de experiencias traumáticas. No seu periplo vital hai moito de novela de aprendizaxe, pois acomete unha serie de coñecementos e de vivencias que lle van abrindo os ollos e a través dos que logra ir aprendendo a sobrevivir, baixo un lema non distante ao famoso “camiña ou rebenta”, dadas as súas prementes necesidades de saír para adiante.

                                               Novela de actualidade e de denuncia

A literatura non é só o ascenso aos ceos, senón tamén o descenso aos infernos. Esta obra ten un toque sombrío, coma o teñen as obras de Dostoievski, Bernhard, Céline e moitos outros autores. Supón, por tanto, un descenso aos infernos do real e da cotianidade, nun xogo de alusións e de elusións que amosa unha realidade con máis penumbras que claros, con máis sombras que luces.

Trátase dun exercicio literario nas antípodas do comercial e do dixestivo que nos invaden como unha verdadeira praga. É unha obra magnificamente escrita, fluída, que mantén de principio a fin o suspense e o estilo marca da casa.

Unha obra clasificable no ámbito dunha literatura con valor social e moral, como unha experiencia de verdadeira catarse que nos impacta e, en consecuencia, nos obriga a contemplar con valentía a realidade e a reflexionar e actuar en consecuencia.

Porque non se trata dunha recreación nos laios, senón nun desexo de transcendencia e de acción: “Algo máis debe nacer nos laios que non sexa só a pena”, recórdasenos na obra.

Novela de lectura moi recomendable. E de alta actualidade, polo seu abordaxe do tema da muller, da súa igualdade e da súa emancipación. Unha obra que, no seu desexo de non compracencia e na súa actitude de abordaxe directa e contundente de certos aspectos da realidade de hoxe, decanta unha crítica radical de certa aparencia de bondade e de convención que agachan experiencias de gran dureza cotiá:

“Soségame pescudar e descubrir a maldade encerrada na pulcritude da moral sen tacha, nos protocolos das boas formas, na esmerada corrección dos disciplinados”.

Non dubidamos que no seu fardel de experiencias e na súa imaxinación o autor agacha moitas outras historias dignas de seren narradas con esta contundencia e veracidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *