Debates e demais andrómenas

personas-haciendo-examen-1X. Ricardo Losada. Nunca entendín o odio aos exames. Nin sequera de estudante pois non hai nada máis pracenteiro que facer un exame que dominas e recibir a nota que mereces. E refírome incluso a exames memorísticos. Imprescindibles. Hai moitas razóns pero centrareime agora nunha que me parece crucial e que Nietzsche, que tiña alma de ácrata individualista, valoraba moito cando afirmaba que para chegar a ser un xenio necesítase pasar primeiro por unha fase que el denominaba de camelo, e que consiste en facer con submisión, obediencia e máxima austeridade todo o que che manden, sobre todo aquilo que menos che guste ou co que menos esteas de acordo. É un consello extraordinario. Ás veces algúns alumnos dinme que lles saíu mal o exame porque era moi memorístico. Dino como un desprezo á memoria e dando a entender que eles son máis de pensar. Pódovos asegurar que non houbo un só caso en que ese comentario non escondese a vagancia de quen o pronunciaba.

      Pasa o mesmo cos debates. Aos profesores de Ética os alumnos pídennos con frecuencia ver películas e facer debates. En canto mo din a miña mente traduce Por que non facemos un debate? ou Por que non vemos unha película? por Por que non perdemos a clase? Moléstame moito. A miña vida adulta consiste en dar clase, dígolles, e perder unha é perder parte, e parte importante, da miña vida adulta. Como podedes comprender, non estou disposto. Agora ben, continúo, coincido con vós en que a Ética consiste en reflexionar e debater, pero sempre que os debates se preparen, pois, sen información, non hai opinión, como tampouco a hai, non o esquezades nunca, sen coñecer en profundidade os argumentos dos antagonistas. Así, conclúo, como só temos unha clase de Ética á semana, teredes que preparar os debates na casa. Nunca máis volven pedir un debate.

ExamenHai anos presentei en Boiro o libro de X. Manuel Lobato Máxico tear natural, no que o autor describe a súa propia experiencia por 23 roteiros da xeografía galega. Quen me dera ter memorizado aqueles topónimos tan fermosos, e non ter que ir consultalos agora para escribilos aquí: Seame, Chan de Arquiña, Punta Muxieiro, Illa da Onza, Punta Besuqueiros, Fervenza das Aciñeiras, Val de Sarandón, Camposanto da Foxa do Lobo, Cabo Roncundo, Con de Pallar, Foio das Arcas… Ou recordar con precisión todas as respostas do exame que nesa mesma presentación lles fixen aos presentes, para saber se necesitaban ler o libro con urxencia: 1- Onde está o carreiro de punta Cabicastro? 2- Que son as curritas? 3- Por que se chama Quercus unha empresa de Boiro? 4- Por que fixeron os romanos un túnel no monte Furado? 5- De que estilo arquitectónico é o templo de Bande? 6- Quen escribiu estes versos que cita Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro: Tanta paixón e tanta melodía / tiñas nas túas veas apreixada, / que unha paixón a outra paixón sumada, / no breve corpo teu xa non cabía? 7- Que río está asociado á ruta dos arrieiros? 8- Desde que monte pode verse a praia das baleas? 9- De quen era a dorniña que unía as dúas ribeiras da ría de Arousa? 10- Onde homenaxean a Heráclito cantando: Hoxe eiquí e mañá na feira / para min non ha de faltar / unha vida pasaxeira? Pódovos asegurar que a única razón de que aínda non fixese eses vinte e tres roteiros, que mentres lin o libro xurei facer, é que nunca memoricei as respostas a ese exame.

 

2 comentarios en “Debates e demais andrómenas

  1. Eu tamén valoro cada vez máis a memoria. A veces consólome pensando que se a miña memoria fose mellor do que é, sería máis escravo dos datos e, polo tanto, menos libre. Pero a verdade é que me doe moito ter mala memoria, e envexo as persoas que recordan con facilidade as súas vivencias ou os libros que len. Cos libros e coas películas pásame algo curioso. Esquezo cunha finalidade pasmosa os finais, algo que, por suposto, tamén ten as súas vantaxes.
    Non quería dicilo (supoño que xa me fago pesado) pero non me dá o xenio. Memoria, entendemento, vontade e humor. Eu son dos que cren que Aristóteles escribiu un libro sobre a risa que os teólogos medievais intentaron esconder.
    Apertas

  2. Querido profesor:
    Dejando a un lado las connotaciones de índole religiosa, las potencias o facultades del alma son tres (supongo que continuarán siéndolo): memoria, entendimiento y voluntad. Las tres se complementan y si falla alguna las otras se tambalean llegando a desmoronarse. Yo así lo veo. Razonarlo sería complicado y a estas horas de la madrugada… Sin embargo hoy la que más valoro es la tan denostada memoria. A lo mejor por algo figura la primera…
    Felices sueños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *