Teatro nos límites do poema

9788491510741Eme Cartea. Na butaca, a máis recente obra de Esther F. Carrodeguas, polifacética rianxeira que deambula entre as letras, o audiovisual, o teatro e o activismo cultural. Un libro arraiano onde o código se mantén baixo sospeita. Formalmente, poema gráfico (tipográfico) máis ca visual -caligrama-. Pero, tamén, teatro poético ou poesía dramática intercalada de pausas, silencios e imaxes onde o escatolóxico e o xogo atrapan o espectador nesa conciencia feminina e dorida que esquece. Na orixe, Unha tirada de dados…, de Mallarmé, que inaugura a espacialización do texto, a páxina como espazo plástico, a iconicidade da escritura, ou o contraste das tipografías.

Canto ao fondo, tres libros nun? O esquecemento -demencia ou alzheimer-, unha crítica a ese dolce far niente, e a instalación nun carpe diem feliz. Libro en clave, de moitas lecturas. Esther é artista de estremas, unha iconoclasta edificante de letras e xéneros, que forza e perverte poética e creativamente. N’A butaca ofrece un equilibrio inestable entre o elemento plástico e a palabra. Teatro nos límites do poema, adobiado de plasticidades.

Depuración extrema da linguaxe: substantivos / infinitivos: a «palabra en liberdade» futurista. Unha viaxe á nada: «Esquecer… simplemente ser… e estar». Un libro para ver, ler, oír… e aplaudir.

«Na butaca, fantasía nº 3 en Dor Maior»

Esther F. Carrodeguas

E. Galaxia (Vigo, 2017)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *