Biografías de mulleres notables para a infancia

AngelesAlvariñoPilar Sampedro. As rapazas precisan modelos de mulleres que ocupan o espazo público ao longo da Historia, mulleres que se adiantaron ao seu tempo e son espellos nos que mirarse as nenas de hoxe. Esas mulleres foron invisibilizadas no pasado, polo que debemos facer o esforzo por mostralas na actualidade. A iso responden certas selos de libros dirixidos á infancia.

As coleccións de biografías de mulleres destacables como “Mulleres bravas da nosa Historia”, de Urco, leva publicados os libros de Maruja Mallo, Rosalía de Castro, Xulia Minguillón e María Victoria Moreno, todos eles ilustrados por Eva Agra pero de diferentes autorías, o primeiro de Elvira Riveiro, o segundo de María Lado, o terceiro de María Reimóndez e o cuarto de Eli Ríos.

Mulleres galegas”, de Lela edicións, é outra destas coleccións que recolle biografías de mulleres. Algunha delas artistas: Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno e Meiga nova, metade anxo metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo. Outras pertencentes a outros campos como a pedagoxía ou a ciencia: Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero e Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño. Todas elas da autoría e ilustracións de Enrique Mauricio e Carlos Taboada, agás a de María Victoria Moreno que conta co texto de Joanna Lorenzo e as ilustracións de Tania Solla.

Ademais das coleccións, debemos citar un par de libros que son fundamentais neste ámbito, como a Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Carreiro, publicado por Baía, ou Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

Tamén corresponde lembrar as obras para infancia que se publicaron arredor de María Mariño cando se lle dedicaron as Letras Galegas: Cantiga da costureira poeta. María Mariño, de X. Agrelo e Alfonso Costa; A vida secreta de María Mariño,de Fran Alonso, e ilustrado por Fran Lorenzo; María Mariño. Unha serea en terra,de Carme Hermida, e ilustrado por Mauro Trastoy;e xa para un lectorado algo maior: A voz do lago,de Antón Riveiro Coello. Da mesma maneira, este ano asistimos á publicación de varias biografías sobre a muller das Letras como son a de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, da autoría de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *