Finxidores

mascaraAntón Riveiro Coello. Se como di Ciorán a mentira é unha clase de talento, os máis dos escritores deberiamos de nos sentir dotados porque a literatura dalgún xeito é unha mentira asumida por todos. O noso oficio non é outro que procurar historias na nosa imaxinación e contalas para que sexan verdade dentro do texto. A quen lle importa unha mentira ben contada? Pois ben, na vida real, da que tanto nos nutrimos os creadores, a xente do común usa a mentira para construír outros relatos que case sempre adoitan ter obxectivos escuros que non debemos aceptar. Se un mira a prensa é doado atopar exemplos coma o desas dúas amigas adolescentes que o outro día finxiron un secuestro e apareceron atadas no monte de Montjuïc, desacougando as súas propias familias. Ou o caso dese home de 57 anos que vén de ser detido, logo de se autolesionar cunhas tesoiras para provocar a impresión de que o roubaron con violencia e, así, poder apañar unha indemnización do seguro. É certo que hai mentiras e mentiras. Todos temos un rexistro na nosa memoria, mais sabemos que non é o mesmo pegar un tiro nun pé para librar dunha guerra que dicirlle á túa nai que che doe a barriga porque non queres comer fígado encebolado. O que está claro é que simular un delito é tanto como cometer outro. Iso si, ás veces a verdade non vale e temos que recorrer á mentira, como o caso dun meu amigo que, de rapaz, foi asaltado por un delincuente que lle roubou todo, mesmo a roupa e os zapatos. Cando chegou á casa todo esfarrapado, para non desgustar o pai, un recto militar, inventou que llo dera todo a un pobre que estaba a pedir diante da igrexa. A mentira tróuxolle unha reputación de xeneroso a este amigo que, como gran finxidor que é, hoxe tamén escribe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *