Un paso cara á igualdade

sevrage-comstock-155455_LAntón Riveiro Coello. No ano 1992, cando eu traballaba de funcionario no Ministerio de Educación en Madrid, solicitei o tempo de lactación da miña filla pequena, que era aleitada con biberón. Sumaba a esta circunstancia o feito de que a miña muller estaba en excedencia e tiñamos os meus sogros enfermos. Lembro a cara de estrañeza da muller que rexistrou a miña petición no Ministerio. Debeu de pensar que o meu sentido andaba polas silveiras ou que eu quería emular eses castrexos que, derreados, se deitaban uns días nas pallas logo de que parisen as súas mulleres. O certo é que a miña instancia provocou unha reunión do ministro Rubalcaba cos seus funcionarios para estudaren o tema. Finalmente, denegaron a miña solicitude aludindo que a lactación era un dereito exclusivo da muller, mesmo se á nena non se lle daba o peito. Aceptei con resignación o veredicto, aínda que o meu interese non era o de tirarlle un dereito á miña muller nin o de liberarme de horas de traballo na oficina senón o de aleitar a miña filla e tamén facerme cargo da súa crianza.

Vén isto a conto polo borrador de anteproxecto de Lei de Emprego Público Vasco que, con independencia do sexo, pretende igualar a duración dos permisos de maternidade e paternidade, non facéndoos transferibles entre a parella.

Non cabe dúbida de que esta nova equiparación, inspirada nos países nórdicos, sería algo modélico e fomentaría a igualdade no traballo doméstico, na corresponsabilidade á hora de coidar dos fillos e tamén axudaría na loita contra o paro feminino, porque se se introduce no sector privado, evitaría a discriminación que sofre a muller en idade de xestación. Desta volta, a reticencia do empresario por un posible embarazo tamén se estendería ao home.

Un comentario en “Un paso cara á igualdade

  1. Completamente de acuerdo, Antón. Habría que acabar de una vez con anacrónicas desigualdades y toda esa estructura social injusta.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>