Galicia e os galegos na poesía castelá XCVI. Juan del Enzina

juan-del-encinaRomán Arén. Figura capital na fin da Idade Media, na música e na poesía, foi Juan del Enzina ou Juan de Fermoselle, nacido en 1468 e que morreu arredor de 1530. Estivo en roma no séquito dos papas Alexandre VI, Xlio II e León X. Tras visitar Xerusalén, volve a España en 1521. A súa poesía foi cousa de mocidade, pois o seu Cancioneiro editouse en 1496, aínda que logo coñeceu ata 1516 outras cinco edicións. Tradutor das Bucólicas de Virxilio, autor de Viaje a Jerusalén (1521), dunha Arte de poesía castellana, entre outras obras, deixou unhas catorce pezas teatrais, elo importantísimo na historia do teatro castelán, das que a máis famosa é a Égloga a Plácida y Vitoriano (1513). Cotarelo Mori reeditou o seu cancioneiro en 1928 e logo Jones e Lee en 1975. O Teatro Completo editouno Pérez Priego en 1991.

Enzina, que era crego de menores, non se ordenou sacerdote ata 1519 e non coñeceu Galicia, pero si que cita a un galego, famosísimo amador con Macías no imaxinario da Idade Media, Juan Rodríguez de la Cámara. E faino en el triunfo de la Fama y Glorias de Castilla:

Y el lindo Guevara/ también Cartagena/ y el buen Juan Rodríguez/ que fue del Padrón…

A obra é alegórica, e nela Juan del Enzina é transportado á fonte Castalia, onde se encontra co poeta galego e con outros autores de tempos pasados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *