Galicia e os galegos na poesía castelá XCIX. Unha cubana: Reina Rodríguez

elpianormr1Román Arén. Reina María Rodríguez, habaneira de 1952, licenciada en Literatura Hispanoamericana e editora da revista <Azoteas>, comezou como poeta en 1975 con La gente de mi barrio, para publicar logo outros trece poemarios. Gañadora do Premio Casa de las Américas en 1984 e 1998, en 2014 foi Premio Pablo Neruda, pero xa gañara en 2013 o Premio Nacional de Literatura, entre outros galardóns. Os seus poemarios máis recentes son Variedades de Galiano (2008) e El piano (2013). A presenza dos galegos en Cuba foi grande, e iso tiña que ter pegadas na literatura da illa, e así o manifesta tamén a poesía de Reina Rodríguez: no seu poemario de 1975 o texto “Doña Felicia” contén alusións a Galicia.

Guardas tierra gallega en tu obesidad/madre de los bodegueros/enseñas a cocer nuestros pucheros/con tu carne y tu mirada/aplastas el quicio de cuentos/y una risa de peinetas sale andando/para inundar la calle.

O poema foi incluído por Raquel Lanseros e Ana Merino na antoloxía Poesía soy yo (2016). Unha voz cubana máis que sumar aos escritores que notaron na illa a presenza de Galicia, sen esquecer que ademais a memoria de tantos escritores nosos que desenvolveron parte ou case toda a súa vida en Cuba, de Cabanillas a Carlos Montenegro, de Blanco Torres a Villar Ponte, de Castelao a Novás Calvo…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *