Giacometti, escultor de liñas (II)

giacometti_woman_throat_cut_0Fidel Vidal. Giacometti (1901-1966) escribe sen pretensións literarias o que lle confire aos seus textos unha sorte de frescura moi atraente. Se ben son as esculturas as que lle dan maior recoñecemento ao autor, pola miña parte eu gusto en igual ou maior medida e valor dos seus debuxos e pinturas. “A violencia –di- emocióname nas esculturas”. “Esa violencia, atópaa na realidade?”. “Coido que si. En todo. E máis alá. Ademais é o que máis me sorprende: incluso na cabeza máis insignificante” (Escritos).

Un aspecto, o da violencia, que nos acerca ao tema suscitado pola Mantis religiosa, e a posible influencia que, tanto polo asunto do canibalismo como da erecta figura, supuxo para o surrealismo. Sabemos que a mantis en certas especies devora ao macho durante ou despois da copulación. “A súa voracidade configura un símbolo perfecto da nai fálica, fascinante, petrificante, castrador. Desa maneira é como a mantis se propaga sobre a obra surrealista dos anos trinta: nos cadros de Masson e Dalí, nas esculturas de Giacometti, nos collages de Max Ernst” (Roger Caillois, La mante religieuse)

Giacometti: “Compre dicir que, xa se trate de escultura ou de pintura, de feito creo que o único que conta é o debuxo. Hai que aferrarse unicamente, exclusivamente, ao debuxo. Dominando un chisco o debuxo, todo o demais sería posible”. O debuxo, o trazo, a liña. “As miñas esculturas non son outra cousa que liñas”. Sartre: “A liña semella unha fuxida interrompida, representa un equilibrio entre o exterior e o interior; anóase arredor da forma que adopta o obxecto baixo presión de forzas de fóra”.

c5da9ed93206f5b2b6efef87599e0ae3No fondo estou convencido de que Giacometti nas súas estilizacións, no tamaño das súas cabezas, na delgadeza dos seus paseantes, ao final o que intentaba era “esculpir” gatos ou camiñantes en forma de liñas no ar. A liña por excelencia e como excelencia, así os debuxos, e mesmo as escritas espalladas en cadernos e follas soltas, “liña fluída, lixeira, arrebatada, pero tamén abandonada, retomada, borrada, multiplicada, aventurada, na liña reveladora do espazo aberto que fomenta unha digresión esencial…” (Jacques Dupin)

Como remate desta achega imos recuperar un dos seus poemas, porque Giacometti tamén se atreveu, con gran esforzo estou seguro, a escribir poemas: Xa non teño medo/ ningún medo/ antes tremía/ pola noite/ a morte sempre/ me axexaba, me/ atormentaba, agora/ nada, é peor é/ horrible, esta calma.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *