Eu tamén boto en falta o Gran Lebowski (II)

7983César Alen. Os irmáns Coen son especialistas en diseccionar a esta caterva de seudoartistas que viven do conto. Intelectuais de pacotilla cun gran ego. Lembro a escena en que está a pintora (interpretada por Julianne Moore) “creando”. A tía balancéase nunha gran randeeira espida. Nunha das paredes hai un lenzo, cando chega á súa altura lanza a pintura, creando figuras imposibles. Na estancia soa unha música atronadora. O gran Lebowski (Jeff Bridges) non dá creto ao que ve. Deambula alucinado ante tal acto de snobismo. Sentado nunha butaca un fulano que ri de forma histérica. O “nota” pregunta: Quen cona é este tío? Non o coñeces? Ese é Sandro, Sandro, o videoartista. Presenta obra na bienal de Venecia. Se non di a da bienal rebenta. Imaxínome que o estilo da pintora está inspirado e talvez sexa unha homenaxe ao pintor expresionista abstracto estadounidense Jackson Pollock e ao seu estilo de dripping, pintura de acción. Pollock tras arduos e prolongados experimentos decidiu colocar o lenzo non chan, totalmente horizontal e lanzar a pintura dende calquera lugar. O contrapunto é que este pintor precisamente representaba o prototipo de artista que vive, por e para a arte. Atormentado coa creación, á que dedicou a súa vida. Por non dicir, que foi o primeiro en facelo. E non foi por azar, senón a conclusión da procura de novos camiños, de novas concepcións.

A secuencia resulta do mais esclarecedora. A mestría da mirada dos Coen pon en evidencia as pantomimas destes yupis inútiles que llelo deron todo feito. Como diría Bukowski: “estes son uns putos exhibicionistas, o que necesitan é ver a morte de preto”.

Jackson-PollockO máis curioso é que todo o mundo traga, traga e traga. Non vaia ser que quedes desfasado, que te desconectes da realidade, perdón, da actualidade. A cultura actual é só lume de artificio, non contén ningún valor perdurable, por tanto e por pura definición esvaecerase coa mesma rapidez coa que asaltou a fama. Toni Nadal conta a este respecto un fenómeno que observou na súa traxectoria como adestrador. Cando o seu sobriño empezou no circuíto hai dez ou quince anos, a media de idade dos cabezas de serie era de relativa mocidade, sobre 22 ou 25 anos. Con todo, di o mallorquino, que hoxe en día o que están na cúspide non son os novos, senón xente que pasa dos trinta (Nadal ou Federer), do que infire que o problema dos que veñen non é a falta de medios, nin a técnica, é precisamente a necesidade imperiosa de triunfar xa, de non pasar sacrificios, de non adestrar horas interminables. Non, eles queren saír e gañar o primeiro día, para comprar casas e coches de luxo e ter noivas ostentosas e ter a falsa sensación de que son alguén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *