Happy End

happy-end1-223x300Ignacio Castro Rey. Vomitiva á maneira de Thesquare, no “inquietante”. E politicamente funesta, pois Happy End (M. Haneke, 2017) é dogmática no seu nihilismo, facendo un uso sistematicamente perverso das nosas perversións, até agora parciais. Haneke eríxese en xestor da nosa parálise, por iso resulta adorábel nos círculos intelectuais. Á saída da película, a elite europea séntese un pouco mellor, pois ten localizado o mal e ademais está fóra dela, xa que se atreve a nomeala. Todas as longametraxes que lembramos del (Haneke) debuxan o conforto do inferno, ao menos para os que o miramos en panorámica de turista. Isto ten que ver co que o situacionista Vaneigem afirmou hai anos: o demo é o máis antigo recuperador de crentes. O director austríaco leva tempo filmando con mestría o noso suposto apocalipse, e ademais a cámara lenta. Só algún escravo de cor, algún mozo impulsivo, algunha nena, se libra da infección xeral. Non lle treme a man ao facer o diagnóstico, pois ten claro o travelling e onde pór a cámara, que segue un guión pregravado. Coñece á perfección o seu oficio, pero coa tranquilidade impecable do forense que traballa con corpos que pasaron o rigormortis e a posterior putrefacción. Así pois, só manipula momias sen cheiro. Todos eles, tamén esa silenciosa nena loura chamada Eve, están tan enfundados no seu automatismo amoral que case non poderíamos facelos culpábeis de nada, coma aos nazis que se amparaban no determinismo inapelable da lei alemá.

Happy End mina á alta burguesía que asiste ás súas películas, pois branquea o seu malestar ao diseccionar aos culpábeis que, mesmo parecéndose a nós, finalmente son outros. Aínda que o espectador sexa millonario, polo só feito de asistir a esta disección “implacábel”, gaña indulxencias plenarias. Ao fin e ao cabo, aguantando ata o final a minuciosa gravación do horror, no visionado dos nosos pecados atopamos unha suficiente penitencia.

happy2É o vello beneficio da confesión. Son un monstro, pero recoñézoo. Ata Facenda se conmove co xesto.

Coma outros da súa millonaria factoría, este traballo de Haneke resulta política e moralmente abxecto. É significativo que a esquerda, psicanalista ou condutista, asista encantada a un espectáculo que xa leva décadas facendo o seu agosto, paradoxalmente con frío da especie. Talvez isto é sinal de que o progresismo medio séntese cómodo cun horizonte pechado, sen saída, onde a miseria dunha mellor xestión estatal, e o seu reparto de subvencións, é o único que se pode facer para non empeorar un mundo de eivados, tecnoloxicamente equipados.

Ademais, como os monstros son case sempre de clase alta, xa se sabe malvada en Austria ou Francia, o común das xentes nótase absolta dese mal que infecta as alturas. Somos terribles, de acordo, pero con Haneke volvemos ao traballo da indiferenza diaria un pouco mellores: ao fin e ao cabo temos denunciado a súa unta estatística, esa infección da alma que corroe á desalmada gobernanza. O vello recurso dunha denuncia de clase segue funcionando agora coma unha denuncia moral. E o exorcista da nosa sociedade regálanola, case sen peaxe, coa única condición de que, conservando uns privilexios que son os del, recoñezamos o espantoso que é todo.

happy“Vocacionalmente xélida” é só unha forma piadosa de dicilo. O peor de Haneke non é que se repita en Happy End, caendo nun manierismo máis ou menos predecíbel. Tampouco é que sexa unha crueldade programática, case máis divertida que sarcástica. O peor de Happy End, o mesmo que en Funny Games ou La cinta blanca, é todo o enxeño posto ao servizo de sacarlle partido a una hipotética mutación da especie.

Así é a ubereconomía: todo burato debe ter a súa función. Non é só que ao noso autor se lle vexa cómodo na súa última película, é que sinxelamente montou un bar onde se serve a sordidez en bandexas. Haneke segue explotando con comercial frialdade a punta do iceberg do noso holocausto silencioso. Constrúe o seu chiringuito de inverno a expensas dun antropolóxico cambio climático que aínda bascula, pero que grazas a el algún día terá cristalizado. Deus salve o profeta.

Ao localizar sutilmente a cota máis alta do noso nazismo democrático, dándolle unha imaxe e recreándose nela, o autor de Happy End contribúe á súa estandarización. Normaliza o silencio do solipsismo, faino tolerable e portátil, coma o enfermo que por fin ve claro o seu diagnóstico. De novo a elite ariodixital ten outra xustificación. Ten atopado baixo o sol un lugar e un nome que a marca. Como ademais iso ocorre sen saída, volvemos para a casa un pouco máis sosegados. Somos horribles e sen remedio, de acordo, pero temos conciencia diso. Cousa que non ten lugar en Turquía.

thumb_53708_media_image_2560x1620Non hai ninguén san no horizonte, agás o mesmo Haneke e os que o seguen, que polo menos alcanzan unha vangardista lucidez do noso cancro. Mais o diagnóstico é falso. Non somos tan masivos, tan autómatas neste “non poder querer” a ninguén. Non estamos tan desculpados por esta mutación anímica que nos ten convertido en alieníxenas. Ata en Francia, país estratéxico onde os haxa, queda moita xente que aínda ten algo así coma sentimentos e alma; mesmo corazón, á marxe de calquera estratexia. Aínda que esta sinceridade común, que si amosa Sorrentino en Youth, acabaría co rendíbel apocalipse do noso exorcista austríaco.

Na lóxica de Happy End nin sequera se entende moi ben que algúns se queiran suicidar, como se lles quedase un chisco de moralidade no horror correcto do que participan. Tampouco se entende que alguén tente humanamente impedilo, no medio dun automatismo funcional onde as mensaxes porno se alternan cos negocios inmobiliarios ou a liquidación tecnolóxica dun hámster. É mesmo un defecto do guión que o ser pretendidamente máis monstruoso, esa Eve Laurente que deixa en coiros á nena de El exorcista (interpretada por unha F. Harduin que ten que resultar barata, pois apenas move os ollos), chegue a chorar e queira matarse. O coherente sería, neste escenario de cartón pedra, que actuase coa impasibilidade dos extraterrestres de Mars Attacks!

Só o público de vangarda, xuíz e parte á vez deste Holocausto civil, seguirá a mensaxe de Haneke no seu labor de drenaxe, de branqueo anímico. O resto estará demasiado ocupado con ver Mamma Mia 2 ou en manexar un taxi de sol a sol. Xa se dixo outra vez, sen moito éxito: Haneke só explota a sutil punta elitista do espanto que vemos a diario nos informativos. Comparte cos xornalistas a idea de que o mundo, fóra do noso cordón sanitario, é un inferno. O traballador desesperado que esnaquiza á súa muller e fillos a golpes ten o seu correlato de altura nos pais empresarios que surfean o seu educado nihilismo sen poder amar a ninguén.

Moralexa? Hoxe os ricos tamén choran. Non o fan, pobres ignorantes do inconsciente. Pero farano ao saber da cinta do noso exorcista, que ademais se pasea nas mellores salas.

imagesEn fin. Haneke non pode ser consciente desta última ironía, está demasiado ocupado para isto, pero si hai un “happy end” en que todo acabe fatal, con esa mutante nena silenciosa filmando o momento no que o seu avó está a piques de afogar. Diante deste espanto sofisticado que nos inunda, volvemos a certa Gracia laica onde os militantes de esquerda, os profesores de filosofía e os psicanalistas, somos un pouco máis conscientes do perversos que somos. Tamén dunha posible última redención no saber inquietante que se nos brinda.

Neste mundo enfermo de conciencia, onde todos os personaxes se blindan na institución do Eu, todo consiste en volver a unha conciencia máis afinada, prolongando a estratexia que nos ten convertido en médicos á vez enfermos. O celebrado Boyero confesa non lograr sacar da súa cabeza a esa silenciosa Eve. É mérito da nosa molicie, encerrados como estamos nun interior global cuxo único mérito é emporcallar todas as saídas. Agás, claro está, as da xestión estatal e cultural, e o seu selectivo reparto de becas. Para iso están as distintas alternativas minoritarias dunha superestrutura europea que adora a este doutor da nosa mala conciencia.

E despois, mañá? Ánimo e a devorar, regresando á estratexia posmoderna de matar a distancia. Non nos queixamos en realidade de que exista un Haneke, pois ten que haber de todo. Un só se queixaría dun culto de vangarda que o converte en salvífico. Ás veces bótase en falta algún lugar verdadeiramente frío, ao que poder enviar de vacacións estes preclaros varóns, tan críticos co universo concentracionario que eles mesmos orquestran.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *