Manda testamentaria

escribir_0Marina Losada Vicente. Tendo ido á notaría deixar por escrito o destino dos bens materiais, veño aquí testar sobre o que máis me identifica, a fala, que abriu os camiños todos aos nenos e ás nenas da casa.  Os alalares do berce, aqueles que aínda hoxe acompañan o meu sono, “meu meniño foi ao viño, rompeu a xerra no camiño, pobre xerra, pobre viño, pobre cu do meu meniño“.

Os contos de lareira, cheos de maxia, e de medo, con orcos que eran cans, con porvisos que eran demos. Con potas enormes anunciando a morte.

As palabras esquecidas tantos anos: prendedor, chicolote, salghado, cincocentos, enxouta, entalar, roxear, mi padre, mi madre… arresendos dunha avoa que con dor do seu, conformouse con ser “abuela”.

Os sons da mesa que era pandeiro (tintirintiño, tintirintola, a que non come non ten barrighola…).

Os xogos traducidos, medrando na lingua nosa: Cinco lobiños que tiña a loba, cinco lobiños detrás dunha escoba, cinco parira, cinco coidaba, a todos os cinco o teto daba.

Os cantares de berce que viñeron de alén dos mares, formando parte da nosa casa, xeración tras xeración: Durme, durme, meniña, que túa nai está no campo… traballando duramente….

Os contos inventados para os fillos, para a filla, as sobriñas e agora para vós, neto e neta, que se ganduxaron uns cos outros, tecendo unha tea de araña multicolor, habitada por tartarugas, arroases, bolboretas… arcos da vella feitos escadas para subir ao infinito, e non quedar nel, volver sempre. Volver á terra, pisar o chan.

Follas, amoras, chuchameis, cunchas, arghaso, que encheron as vosas mans; asubíos do solpor dos estorniños; as estrelas tinguileando da noite. Se deixo algo verdadeiramente meu, está nas palabras. Por iso espero que as coidedes moito.

3 comentarios en “Manda testamentaria

  1. Marina: Hermosa narrativa con un contenido de palabras; cantares y recuerdos, llenos de añoranza. Esos cantares que las madres, sobre todo abuelas, les cantaban a sus nietos. Gracias por recordarnos el ayer!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>