Poemas equinos

equinosX. Ricardo Losada. O primeiro poema do libro Poemas equinos, que serve tamén, pero non só, como catálogo da exposición que a pintora Paola García Paz inaugurou en xullo en Boiro, titúlase Coñecerte é amarte necesariamente, e esa é a conclusión á que o lector chega nada máis rematar de ver a reprodución dos cadros e os seus correspondentes quince poemas. O poema en cuestión remata cunha afamada cita en latín, Suaviter in modo, fortiter in re (Suave nas formas, forte no fondo), que pode que defina a visión que Cartea e Paola teñen dos cabalos de raza galega (mesmo tomados como sinécdoque da nosa historia) aos que lles dedican o libro, pero que non serve, desde o meu punto de vista, para definir a natureza destes poemas.    

     E non serve porque Eme Cartea é un poeta, na liña dun Manuel Antonio ou dun Verlaine, enormemente ambicioso. Ambición que só pode comprobarse no grao de esixencia lingüística coa que aborda o seu traballo e que, calquera que coñeza a Cartea, sabe que é máxima, tanto por rigor profesional (é catedrático de Francés), como por compromiso político (a súa patria é o idioma), como por pulsión emocional (calquera pode imaxinalo irritado ante tanta posverdade e poesía Twitter que proliferan na actualidade). Porque Cartea, lonxe das vacuidades de moitos poetas de moda nas redes sociais, ofrécenos unha aposta sen concesións polo bo uso poético da linguaxe (forte nas formas), ao mesmo tempo que consegue imaxes, escenas e matices moi suxestivos e fermosos (suave no fondo): “Mamífero perisodáctico salvaxe ou domesticado / da gran familia dos équidos / solípedo herbívoro de porte magno / recto perfil elipométrico / pescozo arqueado e xentil / poboado de cola e crinas copiosas / proporcionada cabeza e florido topete / fronte cumprida e remos podentes (…)”.

Como vemos, a poesía de Cartea non é suave nas formas, éo no fondo, reflexo da súa propia maneira de abordar o mundo, xa sexa como presidente da Cruz Vermella, como fundador de asociacións culturais ou etnográficas, ou como defensor dos perdedores da historia.equinos2 Pero non só no fondo. Tamén é suave na atmosfera do poema, e iso é un logro que só os poetas dotados dun grande dominio técnico poden conseguir. Así, hai unha enigmática música (espontánea?, planificada?) na construción dos poemas que nos atrapa e invita a quedarmos a vivir: “O estío desata retinas de medo / no escorzo fugaz da amencida. / Ao trote arribou o curvo solpor / como unha ameaza sen tregua”.  Ou estoutros, tan fermosos: “Flamexa o crepúsculo esquizo / esculpido na severidade da uz / sobre a tona encrespada das abas. / Capitán das curotas en flor, / arquetipo de hedra e roibén. / Cabaliño meu, / carrusel da nenez que nos queda”.

Supoño que primeiro serían os cadros e despois os poemas, pero é tal a sintonía entre estes dous grandes artistas, Paola e Cartea, Cartea e Paola, que calquera deles lle podería dicir ao outro o que o propio Cartea lles di aos cabalos: “Ti es tamén / a miña metáfora espida /bordada en pespuntos de azul / e desmaio. / E por fin, aproados ao lar, / cravareiche as esporas nas fiestras da pel / tal un alborexar da memoria. / ALERTA CABALO DA SERRA!”.

     Alerta Pintura e Literatura galegas! Estes poemas e estes cadros merecen permanecer no alboxerar da nosa memoria.

3 comentarios en “Poemas equinos

  1. Prezada Carmen:

    Non dubides de que é unha crítica sincera. Paola e Cartea merecen un maior recoñecemento. Tanto os cadros como os poemas son moi fermosos. Non sei se o libro se vende, pero é moi recomendable. O teu comentario anímame a preguntarlles desde aquí a Cartea e a Paola que música considerarían apropiada.
    Outra coincidencia máis contigo. Dígollo moito aos alumnos. Un non pasa de neno a adolescente e de adolescente a adulto e de adulto a vello. Pasa de neno a menos neno, e de menos neno a aínda menos neno, e de aínda menos neno a aínda menos neno… E cando deixamos de ser nenos , morremos.
    Por exemplo eses xa famosos despistes teus. Pór perdoable onde deberías escribir imperdoable: só lle pasa aos mellores nenos.
    Outra forte aperta

  2. Querido profesor:

    Estupenda reseña de la obra de estos dos artistas gallegos, con una bella descripción -en el fondo y en la forma- del caballo de nuestra tierra. A juzgar por el cuadro que ilumina tu artículo -y otros que pude encontrar hurgando en Internet, así como fantásticos poemas de Cartea- tienen que ser magníficas las pinturas de Paola García.
    Cada día soy más consciente de lo poco que sé: no conocía la obra de esta artista boirense ni la poesía de Cartea. Se ve que lo mío es pasar por la vida sin darme cuenta: acabo de comprobar en Google que la exposición conjunta estuvo abierta al público en verano. De haber leído antes tu reseña, no hubiese dejado de verla. Además el caballo es mi animal favorito y en manada y libertad sólo pude contemplarlo en A Curota.
    Por lo que he podido ver en tu interpretación de estos artistas, tiene que resultar admirable su obra conjunta. Y si se le pudiese agregar a la exposición la música adecuada…, para mí, ya sería el súmmum. Estar tan cerca y no verla es perdonable.
    Espero poder hacerlo en mi próxima estancia en Palmeira.
    Hasta a los más viejos nos queda algo de niñez. De no ser así, no valdría la pena continuar viviendo.
    Unha forte apreta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>