Consellos de Maiores

Consello de maiores. Plataforma Pensionistas Compostela_Pilar Sampedro. En diferentes concellos estanse a crear os Consellos Municipais de Persoas Maiores. En internet atopamos información acerca deles en Valladolid, León, Santiago de Compostela…

Estes consellos son un órgano de participación e consulta, non vinculante, da Administración Municipal en todos aqueles asuntos que as corporacións consideren necesario someter á súa información, é dicir, unha canle de comunicación co asociacionismo de maiores en todos os temas que lles afectan. Os obxectivos destes consellos xiran ao redor de aumentar a participación dos maiores acollendo a súa experiencia e saber, a promoción da solidariedade e participación cidadá ao incrementar a corresponsabilidade na atención dos maiores, o fomento dun ocio saudable e creativo, ao tempo que se estimula o acceso aos bens culturais.

Nunca houbo tantos maiores (case un cuarto da poboación de Compostela), nunca se chegou á xubilación en tan boas condicións e con tanta formación, nunca se tivo un horizonte tan amplo… pero tamén é certo que nunca, como nesta pandemia, se puido observar o maltrato cruel cara a esa franxa de idade. As aberracións que puideron verse nas residencias nestes tempos convulsos sacaron aínda máis á luz as que xa estabamos a ver, porque converter o coidado dos maiores en negocio é unha deshonestidade tan grande como facelo coa educación ou a sanidade.

Hai cousas coas que non se debe xogar (así se lle di ás crianzas) pero as persoas adultas xogamos co máis básico e fundamental detrás de nomes tan rimbombantes como neoliberalismo ou o libre mercado. Semella que todo o que avanzamos en máis de vinte séculos de progreso humano para que a lei da selva se vexa contida por un estado de dereito (e certo benestar que apoia os máis débiles: leamos infancia, maiores, enfermos/as…) vai caendo como as cartas dunha torre de baralla.

Cada vez son menos os que máis teñen. Cada vez son máis os que menos teñen e se ven privados de dereitos. Cada vez móstransenos os deuses do mercado e a moeda como o poder absoluto. Por iso, é preciso traballar neses consellos para impulsar que os maiores acheguen á sociedade o que conseguiron, pero tamén para que a sociedade os trate co respecto que merecen despois dunha longa vida de traballo. Podemos escoitalos, poden falar, teñen os instrumentos para mellorar o seu futuro e o de todos e todas os que están para facerse maiores, e temos que contar con este tesouro de coñecementos para que as cousas vaian a mellor.

Deberiamos tentar participar e demandar a dignidade que corresponde porque, se os bebés recenden, os vellos non poden cheirar (aínda que haxa que investigar para isto), xa que non podemos tratar os maiores coma os bebés facendo actividades que non lles achegan ningún tipo de enriquecemento senón máis ben un sentimento de  infantilización.

Hai moito que dicir e pensar xuntos/as para que outro futuro sexa posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>