Handke e o Lugar Silencioso

ensayoGonzalo Trasbach. Un lembra unha declaración de Peter Handke (Griffen, Austria, 1942) na que afirmaba que tiña fracasado con todos os seus libros, agás talvez con dous curtos: Ensayo sobre el Jukbox, Ensayo sobre el cansancio ou Lucie en el bosque con estas cosas de ahí. Subliñaba o austríaco que, pese a toda a súa marxinalidade, dalgún xeito son pequenas obras mestras. Pois ben, hoxe imos escribir sobre outra pequena xoia súa, na que fala a cerca de lugares ou sitios apartados, que poboan as marxes: Ensayo sobre el Lugar Silencioso (Alianza, 104 páx.). O poeta, escritor e cineasta de Carintia, que sempre quixo falarnos da chuvia que alimenta os ríos, da neve, diso terrible que habita coma un espectro nos pobos e lugares, cóntanos nesta ocasión a súa relación cun habitáculo moi pouco apreciado nas costumes habituais: o cuarto de baño. En alemán, o Lugar Silencioso (con maiúsculas) é o retrete. En cambio, o lugar silencioso (minúsculas) é só un espazo silencioso calquera.

Nese intervalo aberto entre a infancia e a adolescencia, Handke descubriu o lugar silencioso con maiúsculas. Pasiño a pasiño foi caracterizando cada un dos que atopou: as variacións nas súas iluminacións, se penetraban mínimos ou claros raios de luz; as distancias a percorrer até chegar a eles (canto máis afastados, mellor), a cantidade de ruído que se escoitaba neles… ensayo2O silencio é esa constante inaudíbel que o austríaco fai audíbel en case que todas as súas obras. E neste caso tece unha apoloxía do cuarto de baño. Pero el mesmo recoñece que non é o primeiro que o fai. De feito, aquí hai máis dun eco de Elogio de la sombra (Siruela), do nipón Juanichiro Tanizaki. Para os dous, o retrete é a fuxida do mundanal ruído e unha vía de “acceso” ao aberto, ao claro do bosque, como diría Heidegger.

A lembranza do retrete da casa campesiña do seu avó, no sur de Carintia, esa rexión que ten un enorme parecido coa Galicia do interior; dos váteres do colexio e máis adiante dos da universidade. As cabinas das estacións de autobús e dos trens; aqueles cuxas portas só se abrían introducindo unha moeda pola regaña, e a experiencia de durmir nun servizo público… Este percorrido só é un chanzo máis na súa exploración dos lugares antropolóxicos de resistencia fronte ao espectacular estrondo do mundo e os seus repetitivos actos perceptivos. Así pois, Handke prosigue coa súa única teima, única pero á vez multiforme, a través dun eloxio dos espazos para o illamento, a contemplación e tamén a vergoña. Este lugar só podía ser banal, próximo, desprezado polo réxime de atención máis usual.

ensayo3Ademais, este libro é unha mouteira no seu cobizoso proxecto romántico: levantar unha nova mitoloxía dos “espazos intermedios”, das “paradas”, desas cousas nimias que nos fan desconectar coa orde política e social dominante, da nosa imparábel velocidade, esas cousas insignificantes que nos saen ao paso e poden ser o comezo dunha aventura, de abrir un camiño cara ao aberto, un xeito de construír un fogar no medio do descoñecido. Pero, ademais, cando se levanta para ir ao retrete, Handke reflexiona sobre o seu movemento, toma distancia, e á vez escruta a fondo a súa sempiterna vocación de afastarse dos “outros”, de pregar as velas e partir para refuxiarse no porto do silencio. Xa el o dixera algunha vez: “O escritor debe vivir secretamente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *