Jose Lires. A historia dos avances en cien-cia e tecnoloxía está saturada de feitos ines-perados que supoñen un xiro das investiga-cións rematando en descubrimentos cando menos sorprendentes. A mediados dos anos oitenta do século pasado, un operario dunha central nuclear en Pensilvania disparaba todos os dispositivos de seguridade pola alta radiación que emanaba do seu corpo. O curioso do caso era que as alarmas saltaban cando chegaba cada mañá á central, pero non cando abandonaba as instalacións. Incrédulos, os técnicos optaron por realizar medicións no seu fogar. Alí atopáronse cunha concentración moi elevada dun gas radioactivo, o radon. Poucos anos despois, o goberno americano incorporaba medidas para controlar a exposición a este gas, ao tempo que a OMS o declaraba como un canceríxeno humano.
Pero antes de seguir indagando nas características deste inimigo invisible, permítanme un apuntamento: a radiación natural estivo presente na Terra dende moito antes da aparición da vida. É máis, algunha apaixonada teoría sitúa o seu berce nos primixenios depósitos de uranio onde se deron as condicións para a posta en funcionamento de reactores nucleares naturais. Así e todo, a casuística da existencia acomódase nun lene equilibrio entre o ambiente e a propia vida que a nosa especie parece esforzarse en modificar desdeñando os riscos de carácter natural.
Desidia dos actores
A exposición ao gas radon é un exemplo evidente de risco natural ignorado, non xa tanto polo descoñecemento da problemática, como pola desidia dos actores implicados no seu amortecemento. E por que nos acordamos agora de Santa Bárbara? Dende hai uns meses, os medios de comunicación andan a informar da entrada en vigor dunha directiva europea (aprobada en 2013) que obriga o Goberno español a reducir o gas radon en vivendas e lugares de traballo, logo de máis de trinta anos de facer oídos xordos ás advertencias dos científicos.
E tócanos de cheo. O noroeste peninsular comprende zonas cun alto potencial de radon. Enfrontámonos a un gas incoloro, inodoro e insípido orixinado na cadea de desintegración radioactiva do uranio, moi frecuente nas rochas graníticas. O perigo da exposición prolongada a este gas confirmouse en numerosos estudos que o sitúan como o segundo factor de risco, despois do tabaquismo, de cancro de pulmón, e o primeiro nas persoas non fumadoras. Así pois, se en EE.UU. o nivel de acción establécese en 148 bequerelios por metro cúbico (expresión do número de desintegracións por segundo nun metro cúbico de aire), comparable á radiación recibida de sometérmonos a 200 placas de tórax anuais, a directiva da UE eleva ese límite ata os 300 bequerelios por metro cúbico para actuar. Fagan contas!
No Barbanza, máis do dez por cento das medicións realizadas polo Laboratorio de Radon de Galicia superan a referencia marcada pola directiva europea, xa de por si demasiado elevada aos ollos dos especialistas. Os datos xa os teñen, quizais sexa tempo de esixir, a quen corresponda, políticas de diagnose e campañas de información á sociedade, mais sobre todo unha normativa eficaz e valente para controlar o radon e minimizar os riscos para a saúde. Será desta?
Moitas grazas Jose, pola túa rápida resposta, polos teus ánimos, e pola información. Aquí, a pesares de que nos tocou a pares, ánimo e confianza no nos falta.
Graciñas, moita saúde, e unha forte e agradecida aperta desde Palmeira.
Encantada de volver a leer tus interesantes artículos, Jose. Aquí en nuestra calle, en unos cien, o ciento cincuenta metros que nos separa a uno de los otros, somos cinco los afectados pero no de pulmón precisamente. ¿Esas mediciones pueden reclamarse? y, ¿cómo hay que hacer para solicitarlas?
Muchas gracias de antemano, y reitero lo de encantada de volver a leerte.
Salud, Jose.
Moitas grazas Magdalena. O laboratorio de radon de Galicia da USC é o centro de referencia para este tipo de medicións. Podes poñerte en contacto con eles na súa páxina web http://www.usc.es/radongal/inicio/?lang=es. No apartado de solicitude de servizos asesóranche de cal sería o método de medición axeitado ao caso, e o custo que tería.
Hai uns días asistín a unha charla dun médico de Outes que ten constado uns 23 casos de cancro nunha parroquia deste concello, e conseguiu que se instalasen un número importante de medidores de radon para determinar a concentración nas vivendas. Hoxe precisamente a cadea T5 fíxose eco da problemática e no xornal El País, días atrás, tamén apareceu a referencia. As investigacións publicadas encontran relación deste gas co potencial risco de padecer cancro de pulmón, non obstante, e segundo este médico, só existe unha publicación en referencia a outro tipo de cancro. Hai dúas posibilidades, unha que non se teña estudado suficientemente a relación do radon con outras casuísticas ou que en realidade non sexa un factor tan determinante no incremento do risco.
En todo caso, as alertas da OMS son bastante claras e as medidas adoptadas (dende fai décadas) noutros países van encamiñadas ao control da concentración deste gas nas vivendas. Aquí, no noso país sustentado sobre o sólido granito, dilatamos os tempos para que finalmente entren en vigor as normativas europeas que obrigan a adoptar medidas preventivas e mentres tanto optamos por mirar para outro lado, por desgraza. Minimizar o risco á exposición deste gas, ese sería o obxectivo. Ánimo, saúde e biquiños Magdalena, encantado dos teus comentarios.