O pesadelo de TKK

incuboGonzalo Trasbach. Toniño Kastañón Kabazadebola e Oliva de Javiolongo casaron novos: tiñan vinte e dezaseis anos, respectivamente. KK, como lle chamaban os máis achegados, deixara preñada á moza cando esta era menor de idade. Ao saber do embarazo, el negouse a casar. Pero diante da presión da familia, sobre todo por parte de súa vella naiciña, finalmente accedeu a contraer matrimonio coa rapaza. Os dous eran veciños da aldea de Bico do Berro, na parte alta do condado de Os Aforcados Morren Embarillados.

Kaba, para os seus compañeiros de escola, foi ao instituto de El Nobel. Mais axiña abandonou as aulas e púxose a traballar de camareiro na Casa da Raposa, na localidade de Pinchakona, un bar situado na fronteira dos distritos de Boiscapados e Frinchafría, e que visitaban moitos homes de todas as idades, pois contaba na barra co atractivo da filla dos donos, unha muller nova tan descarada como atraente, que sempre lucía uns tremendos escotes por onde se lle vía o carreiro entre dúas aguzadas tetas que pugnaban por fuxir da apertada camisola. Nunhas festas da localidade, despois de fracasar no seu intento de saír coa filla, deixou aos donos “colgados” para marcharse cunha muller de Durdilde, moito máis vella ca el.

Tan pronto como tivo cartos nos petos, TKK alugou con outros mozos da mesma profesión un piso en Taranbainamar, unha vila da costa na que, segundo lle tiñan dito, había moito ambiente nocturno. Foi nunha noite, andando de copas mesturadas con outros incentivos e excitantes, cando coñeceu e trabou amizada con Trincacentolas, unha ave noctámbula da marxe sur da ría que, entre outras actividades ilegais, dedicábase ao contrabando de tabaco rubio. Pasados uns meses, os socios decidiron alugar dous bares na localidade para “mover” máis ca tabaco.

TKK nunca fixo vida de casado. Iso deixouno ben claro desde o mesmo día da voda con Oliva. Nesa memorable xornada, despois do convite, colleu a muller e levouna á casa da aldea. Despois subiuse ao coche e reuniuse cos seus amigotes. Todos xuntos marcharon para un puticlub chamado “Picardías”, situado nunha estrada secundaria entre Dedodor e Menstruve. Nese antro, beberon, esnifaron coca e fornicaron. O recén casado corría cos gastos pois levaba no  peto, enrolados cunha goma, ao estilo dos pucheiros, un feixe de cartos, os que lle regalaron os asistentes ao banquete nupcial. O noivo non regresou á casa para deitarse coa súa esposa. El durmiu con Amalia de Almansa, unha brava muller castelá de moi bo ver que rexentaba o negocio.

Logo desa noite e madrugada de esmorga, era mediodía cando TKK volveu xunto a Oliva. Atopouna bañada nun mar de bágoas e os ollos inchados coma pelotas de tenis. El non a consolou. Ao contrario: rifoulle e ordenoulle que lle preparase roupa limpa para mudarse. E cando estivo listo, marchou de novo sen nin sequera despedirse dela. Non regresou até o día seguinte. Para cando chegou, Oliva xa tiña os ollos secos. Recibiuno con certa frialdade, coma se nada tivese ocorrido. Seis meses máis tarde, na compaña da súa nai e da comadroa da aldea do lado, Meixonquente, pariu o seu primeiro fillo, un neno que non foi froito dunha noite de paixón e amor, senón do comezo do seu inferno, o que levaba en silencio.

O neno naceu cunha deformidade conxénita nas extremidades, tal como se confirmou segundo foi cumprindo anos. Ela amaba con todas as súas forzas aquel rapaciño ao que bautizaron, sen que o seu pai asistira á cerimonia, co nome de Carolo Kastañón de Javiolongo, pero a quen os outros cativos da aldea chamaban Caroliño. Cando este se fixo un pouco maior, descubríronlle que, ademais das deficiencias físicas, era autista. Tanto a nai coma os avós acordaron internar a Carolo nun centro especializado nestas doenzas. Foi así como o chaval pasou toda a adolescencia no Cronolongo de Belvisto, preto do curso do Saraliña.

Entre tanto, TKK rompeu a relación comercial con Trincacentolas, a quen pillaron nunha redada da que el fuxiu polos pelos. Mentres a Garda Civil arrestaba o seu compinche e outros dous compañeiros da Illa, aos que lles acababan de vender un bo lote de haxix e un par de quilos de “fariña”, el aproveitou que os axentes estaban moi concentrados en rexistrar os coches dos que ían diante do seu, para arrimarse pouco a pouco a unha gabia chea de silvas trala que había unha longa e ampla viña en parra. Baixou do coche cun saco cheo de cartos, os obtidos na operación que acababan de realizar, e arrastrouse coma unha serpe por debaixo da gomariza e entre a alta herba, sen perder nin un billete de mil pesetas do saco. Foi así coma conseguiu afastarse o suficiente do escenario da redada coma para que non se decatasen da súa presenza. Mais el, deitado debaixo da viña, si observou como a Garda Civil metía aos seus  compinches nos furgóns e os levaban esposados para o cuartel.

El non só safou, senón que por enriba quedouse con todos os cartos da frustrada transacción ilegal. Contaban os que andaban nas “operacións” de tabaco e droga na Vila que nunca visitou aos seus camaradas narcotraficantes cando estaban na cadea, en Lameiro de Monterraso, nin tampouco repartiu os cartos con eles. As mesmas voces falaban de que cando os arrestados cumpriron as súas condenas, foron os que o delataron cando estaba intentando “mover” varios quilos de coca nas terras das rías de máis aló da Serra das Eguas. E foi por esta detención cando pasou máis dun ano no caldeiro, do que saíu antes de completar a pena á que foi condenado, por causa dun grave problema de saúde.

Despois de saír do penal, por vez primeira na súa vida de casado chegou cedo á casa da súa muller. Mais xa era noite cando entrou nela e fixo máis ruído ca un cachorro de San Bernardo nunha cociña. Estaba borracho. Oliva xa durmía. Meteuse na cama ao seu carón e sen mediar palabra fornicouna e deixouna novamente preñada. Nove meses despois daquela noite de infausto recordo, Oliva de Javiolongo deu a luz un par de xemelgos. Cando os bautizaron puxéronlles de nomes Suián e Xión, respectivamente. O primeiro, co paso dos anos, deveu nun mozo diabólico, un demo con cara de anxo. Tiráballe ao seu proxenitor, do que era o preferido. A TKK, as putiñas que visitaba acotío nas barras americanas cando souberon a noticia de que tivera dous neniños, bautizárono coma “o noso sementaliño”.

TKK adoraba tanto a Suián coma menosprezaba a Xión. Este, o máis querido da nai, era sensible e delicado e gustaba de ler a Oliva fábulas e contos polas noites antes de quedar a durmir. A muller quería e admiraba  a este seu fillo, porque era tenro e cariñoso, todo o oposto que seu irmán, ao que ela tiña visto masturbarse no seu cuarto ou mesmo na horta mentres miraba revistas pornográficas, as cales adquiría a través do seu pai.

Mentres, Kastañón seguía coa súa vida rutineira, ateigada de excesos e salvaxadas. Vivía practicamente na Vila. Paseaba no coche as súas novas conquistas e poucas veces subía á aldea de Bico do Berro para interesarse pola súa familia. Cando se fixo máis vello, afeccionouse a andar con “velutinas” aínda máis novas, como el dicía cando se refería ás chavalas que paseaba no seu automóbil. Mais nunha ocasión viuse nunha situación tan comprometida que sentiu medo por vez primeira na súa intensa e axitada vida. O episodio ocorreu  nunha noite de verán. Viña de pasar a tarde na habitación dun hotel da Toxa cunha rapaza moi nova. Despois de tomar unha copa en Vilagarcía, antes de entrar en Catoira, aparcou debaixo dunha ponte e tirou o asento para atrás. A moza empezoulle a facer unha mamada. O tráfico de coches era intenso nos dous sentidos da estrada. E axiña comezaron a soar os cláxons.

Estaban ambos tan concentrados na súa acción que non se decataron da presenza da Garda Civil. Cando escoitaron os golpes na ventaíña e viron os axentes, el recolleu axiña os calzóns de petrina aberta, coma as dos vellos pistoleiros, e ela arranxou a faldra e tapou a cara coas mans. Multáronos por estar mal aparcados e logo leváronos ao cuartel para denuncialos por escándalo público diante do Gobernador Civil, que posteriormente puxo o caso nas mans da Fiscalía, co agravante de que no acto participaba unha menor de idade.

Temendo que o levasen a xuízo e que o condenasen a pasar unha tempada na cadea, ese día TKK visitou a familia. Diante da súa dona e dos seus fillos relatou o que lle acontecera. Desculpouse alegando que todo ocorrera baixo os efectos dunha potente droga que lle deberon botar nunha bebida. E lembroulle a súa dona que el, en cuestións de sexo, como ben sabía, era bastante pudoroso e prudente. Oliva de Javiolongo sentiu unha estraña especie de pena e compaixón polo seu descarreirado marido e pensou que tiña o deber de escribirlle unha carta ao Gobernador para interceder por el e para que tivese  en conta que TKK <non sabía o que facía porque o tiñan drogado, señoría!>.

Foi Xión o encargado de redactar a carta que lle ditou súa nai. E,  porén, inconscientemente,  a muller foise desviando do seu propósito inicial, e de tal xeito o fixo que o texto, en vez de exculpatorio, derivou nunha contundente acusación contra TKK. De feito, logo dun parágrafo introdutorio respectuoso e formal, os dous folios que o seu amado fillo Xión escribiu contiñan  unha exhaustiva listaxe das falcatruadas que lle tiña feito o seu home antes e despois de casar: traficar con tabaco e drogas, mesmo con pistolas de fogueo ou de verdade, aínda que a estas ao disparalas se lles torcían os canóns, e mesmo con cartos no mercado negro de Vigo. Tamén de adquirir bebida en Portugal por un módico prezo que multiplicaba por tres na súa baiuca-tugurio. E non só iso, senón que ademais o sinalaba no tráfico de putas. E neste sentido, subliñaba que sempre que a fornicou foi pola forza e que mesmo a tiña amarrado ao cabezal da cama para encuala. O moi cabrón!

Serían as dúas da madrugada cando Oliva ficou durmida abrazada ao seu fillo Xión. Mentres tanto, Suián xacía no seu cuarto cunha revista pornográfica sobre a cara. E ao mesmo tempo TKK espertaba dunha cabezada que botaba sobre a mesa do reservado da súa taberna. Unhas perlas de suor brillaban sobre a súa calvicie. Suspirou e murmurou en voz alta: <Menos mal que se trataba dun tremendo pesadelo, porque se fose verdade que a miña muller escribira esa carta ao Gobernador Civil contendo todas aquelas barbaridades, entón si que ía acabar na trena por unha longa tempada>. E de súpeto, saíu fuxindo do seu tobo coma unha alimaña. Asaltouno unha inesperada intuición. Colleu o coche e enfilou cara á estrada para á casa de Oliva. Quería comprobar que todo fora un maldito e terrible soño. E cando entrou na cociña, viu como na lareira estaba o seu fillo, o seu herdeiro e preferido, queimando uns folios nunha pequena fogueira. E exclamou: <Ben feito, fillo, ben feito. Desta safei…!>.

3 comentarios en “O pesadelo de TKK

  1. Bos días, Gonzalo:

    A Kastañón Kabazadebola, o nome quédalle que nin pintado, pero en lugar de Toniño caíalle mellor o de Príamo.
    Con toda a seguridade que non só se casou pola preñez da chavala, senón para unir algunha leira colindante. E por riba aínda gustáballe facer oposicións para unha cirrosis hepática. Vaia xoia !!!

    Unha grande aperta, querido Gonzalo.

    1. Moitas gracias, cara Magdalena. Non estou nada seguro de que o relato sea minimamente bo. Mesmo é posible que non sexa nin coherente. É froito dunha noite con febre e na que poboaban os meus soños criaturas coñecidas con outras que non o eran. Ao día seguinte, despois de volver para a casa tras pasar polo hospital, comecei a escribir algunhas cousas que recordaba dos meus soños. Saiu esto. Insisto nas gracias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *